Está en la página 1de 3

LINGUAS EN CONTACTO: CONCEPTOS BÁSICOS

LINGUAS MAIORITARIAS / LINGUAS MINORITARIAS


As linguas maioritarias son aquelas que son faladas por un número elevado de falantes. Este é un
termo que se refire á demografía relativa dun idioma, por iso a dimensión dunha comunidade
lingüística pode ser vista de diversos modos: os idiomas máis falados actualmente no mundo son
o chinés mandarín, o inglés, o bengalí, o hindi, o español ou o portugués. No entanto, no conxunto
da Unión Europea é o alemán. Agora ben, en territorios no que existen varios idiomas a lingua
maioritaria será aquela que conte cun maior número de falantes, aínda que sexa relativo a nivel
mundial. Por exemplo, o galego é aínda hoxe a lingua maioritaria en Galiza. É, pois, un asunto de
perspectiva, tal e com o nos aclaran no Ben Falado: É o galego unha lingua minorizada? (emisión
do 12/10/2010) e O galego no selecto clube do 5% (emisión do 22-07-2008, minuto 1'51).
Linguas minoritarias serán, daquela, as que son empregadas por un número reducido de falantes,
son as linguas dunhas comunidades lingüísticas pequenas en termos xerais ou dende unha
perspectiva rexional. A casuística que se dá entre as linguas minoritarias é moi diversa:
a. Linguas faladas nunha rexión ou estado ou en diversos estados: o galego, o galés, o
catalán ou o friulano. Poden ser oficiais ou non.
b. Linguas só minoritarias localmente, pero maioritarias noutro estado, como o alemán en
Francia, o italiano en Suíza ou o sueco en Finlandia. Poden ser oficiais nun Estado pero
non no outro, ou oficiais nos dous.
c. Linguas non territoriais: son empregadas por comunidades de inmigrantes noutro país,
como o curdo en Alemaña ou o punjabi en Inglaterra. Tamén poden ser nacionais dun país
pero a súa lingua non se liga a unha área xeográfica particular, como o romaní (lingua dos
xitanos) ou o ídiche/yídish (lingua dos xudeus).
Todas estes idiomas soen ter en común que a comunidade humana que o fala é minoritaria en
contraposición a outras que se falan en territorios veciños ou no mesmo territorio. A territorialidade
e o factor político teñen que ser tidos en conta pois os grupos de falantes soen ser periféricos
respecto dun poder central, o que implica un risco para a supervivencia destas linguas.

LINGUAS DOMINANTES OU HEXEMÓNICAS / LINGUAS MINORIZADAS


Por lingua minorizada entendemos calquera lingua que, sendo historicamente propia dun territorio,
ten uns usos restrinxidos nese mesmo espazo xeográfico, que comparte con outra ou outras
linguas historicamente alleas que posúen grande prestixio social. Esta competencia desigual é a
que viven os falantes de idiomas como o galego, o quechua ou o bretón, e esta situación de
minorización pode conducir a un proceso de substitución lingüística. Segundo o seu estatus
podemos falar de:
a. Linguas que non teñen ningún tipo de recoñecemento legal, como sucede co bretón, o
catalán ou o euskara no estado francés.

Román Cerqueiro Landín (Dpto. de Lingua Galega-IES de Porto do Son)


Curso 2010-2011. 4º da ESO
b. Linguas que teñen algún tipo de recoñecemento (oficial nun territorio, parcial para diversos
ámbitos...), aínda que ocupan un lugar subsidiario fronte á lingua estatal: o galego ou o
aragonés.
c. Linguas minorizadas que teñen distintos graos de recoñecemento legal segundo os
territorios onde se fala: é o que ocorre co catalán en España, Francia, Italia, Andorra.
d. Excepcionalmente, a lingua nacional pode ser unha lingua minorizada: o gaélico, idioma
nacional e oficial en Irlanda.
As chamadas linguas domininantes ou hexemónicas son, polo contrario, as que gozan dun grande
prestixio social que se deriva dun poder político e económico que as potencia. Un idioma posúe
maior prestixio social cantas máis funcións cumpra (ensino, administración, exército, xustiza,
economía, medios, etc.). Actualmente, o inglés é unha lingua hexemónica polo grande prestixio
que acumula a nivel mundial debido aos ámbitos de uso nos que se emprega e polos países dun
alto potencial económico que a teñen como lingua oficial. Mais esta situación non é igual en todos
os territorios en que se falan estes idiomas: o español é a lingua hexemónica no estado Español
mais non en Porto Rico, onde o é inglés. Igualmente, o francés é unha lingua minorizada no
Québec (Canadá) e o alemán no norte de Italia.

LINGUAS OFICIAIS / LINGUAS NON OFICIAIS


As linguas oficiais son aquelas que están recoñecidas como tal nun estado ou parte dun estado e,
en consecuencia, o seu uso está regulado na lexislación dese país e soe ser obxecto de medidas
de uso e promoción. Hainas que son lingua de estado, como o español en España ou o portugués
en Portugal ou Brasil, e hainas que son linguas dunha nación sen estado, como o galego, o corso
ou o sardo.
Linguas non oficiais son aquelas que sendo propias dun territorio non teñen ningún tipo de
recoñecemento oficial, como o curdo en Turquía ou o bretón en Francia, ou apenas algunha
cobertura parcial, como o asturiano, que «se terá por válido a todos os efectos nas comunicacións
orais ou escritas dos cidadáns co Principado de Asturias» (Lei 1/1998, de 23 de marzo), ou o
galego en Asturies e Castela e León. Normalmente, este caso dáse en territorios que non posúen
independencia política ou un grao desenvolvido de soberanía. Isto deriva nunha negación de
dereitos lingüísticos, polo tanto dereitos civís, para os seus falantes.

CONFLITO LINGÜÍSTICO
Denomínase conflito lingüístico á situación de tensión que se dá entre dúas linguas nun mesmo
espazo xeográfico porque unha (lingua dominante) asume un maior número de funcións sociais e
goza de maior prestixio fronte á outra (lingua minorizada), que ten unha menor presenza en
numerosos ámbito da vida social, especialmente, nos máis formais xa que o seu uso está excluído
ou é moi escaso nos contextos relevantes. Esta situación conflitiva non se mantén no tempo e
resólvese por unha destas dúas vías:

Román Cerqueiro Landín (Dpto. de Lingua Galega-IES de Porto do Son)


Curso 2010-2011. 4º da ESO
a. Substitución: consiste no abandono da lingua propia da comunidade e a asimilación á
lingua dominante.
b. Normalización: consiste na recuperación de usos e funcións sociais para unha lingua que
está nunha situación secundarizada no seo da sociedade. Para iso, impúlsanse unha serie
de medidas de político, xurídico, social e lingüístico, co obxectivo de restituír (facer
habitual) a lingua en todos os ámbitos para que teña un desenvolvemento normal como
medio de comunicación dentro da súa propia comunidade de falantes.

Bilingüismo e Diglosia
Por bilingüismo pódese entender o uso de dous idiomas por parte dun individuo ou a existencia
de dous idiomas nunha sociedade. Cando falamos dun individuo bilingüe distinguimos entre
“bilingüe pasivo”, que é aquel falante que comprende dúas linguas mais só ten competencia
lingüística para producir mensaxes nunha delas, e “bilingüe activo”, que é aquela persoa que
domina dúas linguas a nivel oral e escrito, aínda que é difícl que o faga coa mesma destreza. Por
“bilingüismo social” entendemos a situación pola cal nunha sociedade se empregan dúas linguas.
No entanto, o equilibro entre dúas linguas non existe na realidade, sempre se dá un reparto
desigual de usos entre elas e cada unha cumpre funcións e úsase en contextos diferentes na
mesma sociedade. Falamos de:
a. endodiglosia: cando a diglosia se produce entre variantes dunha mesma lingua (galego
culto e galego popular).
b. exodiglosia: cando se trata de dúas linguas diferentes como en Galiza co galego e o
castelán.

Prexuízos lingüísticos
Os prexuízos son xuízos que se emiten sen base argumentada ou razoable para referirse a
persoas, países, razas, xénero e orientación sexual, tendencias relixiosas e políticas, gustos,
tendencias, etc. Os denominados prexuízos lingüísticos son aquelas valoracións negativas ou
positivas sobre unha lingua ou sobre os seus falantes e provocan un rexeitamento ou aceptación
dunha lingua na sociedade. Os prexuízos, en definitiva, son valoracións precipitadas emitidas sen
base suficiente por persoas que se deixan levar por correntes de opinión non substentadas na
razón. Cando son negativos, atópanse na orixe da diglosia descrita anteriormente.
Os prexuízos lingüísticos que pesan sobre a lingua galega fóronse conformando ao longo dos
séculos da man do proceso de imposición e substitución lingüística no que estamos inmersos.
Poden ser máis xerais ou máis específicos, máis públicos ou sutilmente disfrazados, e foron
callando no seo da sociedade a través de diferentes estratexias de poder: lingua rural, dialecto,
non apta para a ciencia e a economía, lingua das clases humildes e o atraso social, lingua
imposta, lingua artificial, lingua de determinados grupos culturais e políticos, etc.

Román Cerqueiro Landín (Dpto. de Lingua Galega-IES de Porto do Son)


Curso 2010-2011. 4º da ESO

También podría gustarte