No ano 1916 iníciase un novo movemento político cultural que recibe o nome de
Irmandades da Fala. Un dos seu obxectivos fundacionais era a preocupación das
institucións nacionalistas por crear canles de expresión para comezar o proceso de
modernización da narrativa galega. Son achegas das Irmandades no ámbito literario, a
renovación estética, formal e temática, a promoción do cultivo do galego a través de
concursos, revistas e xornais, a ampliación do número de lectores, o espallamento da
lingua a novos xéneros (teatral, novelístico e ensaístico), a tradución de obras europeas,
a creación de editoriais (Céltiga e Lar), a promoción do teatro galego ou do traballo de
coros populares.
Un dos xéneros nos que as Irmandades inician un proceso de modernización é o
narrativo, e sobre todo a narrativa breve. Para iso créanse coleccións de narrativa curta
como son Lar e Céltiga, entre outras. O proceso de modernización da narrativa lévano
adiante eliminando o ruralismo imperante na narrativa do século anterior e incorporando
no seu lugar o ambiente vilego e urbano. Ademais da produción narrativa de autores
como Castelao ( Retrincos, Un ollo de vidro…), Risco (Do caso que lle aconteceu ao
doutor Alveiros, O porco de pé, A Coutada…) ou a ampla produción de Otero Pedrayo
(Os camiños da vida, Pantelas, Entre a vendimia e a castiñeira…) podemos destacar
outros autores como Leandro Carré. Este é o último narrador da época das Irmandades e
é o autor de catro novelas breves que son: Naiciña, A propia visa, O home que deu a
vida a un morto e O xornal de Mavi.
No referente ao xornalismo e ao ensaio, destacamos fundamentalmente a Antón Villar
Ponte, xa que iniciou o ensaísmo político o que validaba ao galego como lingua
vehicular do pensamento intelectual. Foi seguido neste camiño por Lois Porteiro Garea,
propagandista do galeguismo, do que quedan sobre todo pezas orais. Tamén atopamos
dentro destes xéneros a prosa de Xosé Vicente Viqueira, que está recollida en artigos e
conferencias con exposicións doutrinais de carácter galeguista e republicano.
O Grupo Nós:
Este grupo intelectual de nados entre 1880 e 1890 distínguese un núcleo promotor
formado por Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino López Cuevillas,
nos que se recoñecen unha mesma procedencia pequeno burguesa, unha rigorosa
formación intelectual e erudita, un inicial desvencellamento da cultura galega que axiña
abandonarían para centrar a súa atención en Galicia cunha clara vocación de ensino. O
relato desta aproximación témolo tanto na novela Arredor de si (1930) de Otero Pedrayo
como nos artigos ensaísticos “Nós, os inadaptados” de Vicente Risco e “Dos noso
tempos” de Florentino L. Cuevillas. Convertidos ao galeguismo desde o seu
cosmopolitismo elitista, rexeitan o capitalismo e defenden un galeguismo europeísta que
deberá asumir os valores tradicionais da cultura popular.
A actividade dos homes do Grupo Nós foi decisiva para a consolidación da prosa
literaria galega e da madureza definitiva do noso teatro. Na novela diversifican os temas
e introducen as técnicas narrativas dos autores máis destacados da narrativa europea. Na
prosa científica axeitan o idioma a este xénero e aplícano a todos os campos do saber.
Unha das achegas destacadas vai ser a edición da revista Nós, creada en 1920, que foi o
instrumento que supuxo o achegamento das novas correntes que se estaban a
desenvolver no panorama literario europeo e, á vez, serviu como plataforma de
presentación da produción que se estaba a realizar na época en Galicia.
En estreita relación con este grupo aparece a figura de Alfonso Daniel Rodríguez
Castelao, que a partir dos anos 30, vaise separando xa que elabora a súa propia teoría
nacionalista, baseada no autogoberno e no progreso en todas as ordes (económica, social
e cultural) de Galicia. E a de Rafael Dieste.
O sistema ideolóxico deste grupo, o cal levarán a práctica na literatura terá como
obxectivo europeizar e universalizar a cultura galega tomando como base as propias
raíces, utilizarán a paisaxe e a Terra como algo especificamente galego, a relixión
católica considerarase como un elemento consubstancial ao ser galego; para eles, a
defensa da tradición suporá o rexeitamento da modernidade e da técnica; e fronte ao
modelo burgués, defenderán a sociedade tradicional, de imprenta fidalga e eclesiástica.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo en 1886. Aos nove anos
mudouse á Pampa arxentina e uns anos máis tarde regresa a Galicia para realizar os seus
estudos de Medicina na Universidade de Santiago. Participou como colaborador da
revista anticaciquil El Barbero Municipal, foi conferenciante, debuxante e militante do
agrarismo en Acción Galega. Tamén foi funcionario no Instituto Xeográfico e
Estatístico en Pontevedra. Implicouse no movemento nacionalista como representante
das Irmandades e foi conselleiro do Partido Galeguista. Elixírono deputado para as
Cortes constituíntes de 1931. A súa presenza foi importantísima na promoción do
Estatuto de Autonomía. Ao terminar a guerra tivo que exiliarse, e neste momento
comeza a defender intensamente a República fronte ao fascismo. Morre en Bos Aires
(Arxentina) en 1950.
A obra literaria de Castelao ábrese co volume Un ollo de vidro, historia dun esqueleto
que conta os acontecementos que se producen nun cemiterio e que serve de crítica a
aspectos da sociedade galega. A colección de relatos autobiográficos, Retrincos, consta
de cinco contos que recollen cinco momentos da vida do autor. Unha das súas obras
narrativas máis sobranceiras é Cousas. A cousa reflicte un equilibrio entre o debuxo e o
texto, e supón unha síntese da visión de Galicia do Castelao pintor e escritor. A súa
única novela é Os dous de sempre, a historia de Pedriño e Rañolas, as dúas caras do
espírito humano, a emprendedora, simbolizada polo eivado Rañolas, a conformista,
simbolizada por Pedro. Tamén escribe teatro (Os vellos non deben de namorarse).
O seu labor complétase cos ensaios. Sempre en Galiza é unha obra dobremente
importante, por ser unha crónica da época republicana e por recoller nas súas páxinas
todo o seu pensamento político e o futuro que el propoñía para a sociedade galega.
Completan os seus ensaios As cruces de pedra na Galiza e As cruces de pedra na
Bretaña, estudos comparativos deste tipo de construción nas dúas zonas.
Raquel Dopazo Cornes
Adrián Noya Torres
Andrea Núñez Mariño
2º B bacharelato
Bibliografía:
Libro de lingua e literatura galega de segundo de Bacharelato. Editorial Xerais.
Edición do 2009.
http://www.wikipedia.es
Libro de lingua e literatura galega de 4º ESO. Editorial Xerais. Edición do 2009.
Encarta do 2004