Está en la página 1de 12

Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

Tema 3. Cultura e sociedade de masas.


3.1. A crítica á cultura da Escola de Frankfurt: a industria cultural.

Índice:
3.1.1. A Escola de Frankfurt
3.1.2. O concepto de cultura da escola de Frankfurt.
3.1.3. A industria cultural.
3.1.4. A cultura segundo Adorno.
3.1.5. Walter Benjamin
Bibliografía:
Adorno, Th. W. (1949), “La crítica de la cultura y la sociedad” en Adorno.,Th. Prismas. Barcelona, España:
Ariel, 1962, p. 9-29.
“Escola de Frankfurt”. (2017, julho 15). Wikipédia, a enciclopédia livre. Retrieved 19:46, julho 15, 2017
from https://pt.wikipedia.org/w/index.php?title=Escola_de_Frankfurt&oldid=49306209.
Adorno, Th. Horkheimer, M. (1944), “Resumen sobre la industria cultural” en Obra completa. 10.1. Crítica
de la cultura y sociedad I. Madrid, España: Akal, 2008, pp. 295-302.
Makropoulos, M. (2012), “8. Walter Benjamin” en Ralf Konersmann (ed.), Handbuch Kultuphilosophie.
Stuttgart-Weimar, Alemania: Metzler Verlag, pp. 149-157.
Schweppenhaüser, G. (2012), “2. Kritische Theorie” en Ralf Konersmann (ed.), Handbuch Kultuphilosophie.
Stuttgart-Weimar, Alemania: Metzler Verlag, pp. 168-177.

Actividade
Noite e néboa (1955), Alain Resnais (https://www.youtube.com/watch?v=bqzlj0j-fdg).
Olimpia. Festival de las naciones. 1936 (1938), Leny Riefensthal (https://www.youtube.com/watch?
v=qt51j9bmZAU).

3.1.1. A Escola de Frankfurt


Fundación
Lucio Félix José Weil, coñecido por Félix Weil (Bos Aires, Arxentina, 8 de febrero de 1898 – Dover,
Delaware, EE. UU., 18 de setembro de 1975). Seus pais, Hermann Weil y Rosa Weil, de orixe xudea-alemá,
eran ricos comerciantes. Hermann Weil é considerado un dos maiores distribuidores de cereais do mundo na
primeira e segunda década do século XX. Félix obtén un doutorado en ciencias políticas na universidade de
Frankfurt, interesándonse polo socialismo e o marxismo e escribindo unha disertación sobre os problemas
prácticos da implantación do socialismo.
En 1922 financia a Primeira Semana de Traballo Marxista que reúne a moitos teóricos relevantes. Debido ao
éxito do evento, decide fundar en 1924 o Instituto para a Investigación Social, máis coñecido posteriormente

1
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

como Escola de Frankfurt, coa intención de que sexa un centro de estudos avanzados para analizar a
sociedade dende unha perspectiva marxista. Na década dos 70, froito da crise económica e da depreciación
do peso arxentino, a onde emigrara, Weil viuse obrigado a deixar de financiar a escola. A escola segue
existindo na actualidade e investiga cuestións relacionadas co traballo, os medios de comunicación, a familia,
xénero e participación política.

O contexto alemán da pre-guerra


A turbulencia política dos complicados anos de entreguerras en Alemaña afectaran de modo importante o
desenvolvemento da Escola. A ausencia da revolución da clase traballadora (precisamente onde Marx a
previra), o nacemento da sociedade de masas e o ascenso do nazismo foron os eixos a pensar. Nesta época
estase a producir unha transición do capitalismo empresarial de pequena escala para o capitalismo
monopolista e o imperialismo. Unha parte do movemento socialista devén reformista (socialdemocracia) e
apoia a I Guerra Mundial. Ao mesmo tempo ten lugar a Revolución Rusa e o ascenso do comunismo e do
nazismo. Paralelamente aparecen os medios de comunicación de masas e a cultura de masas.
Após o ascenso de Hitler ao poder en 1933 o Instituto deixou Alemaña para Xenebra antes de se mudar para
Nova Iorque, en 1935, onde se adscribiu á Universidade de Columbia. Foi neste momento que comezaron a
aparecer moitos dos seus traballos máis importantes. Despois da guerra, algúns dos seus membros volveron á
Alemaña Occidental no inicio dos anos 1950, mentres que outros escolleron permanecer nos Estados Unidos.
Foi apenas en 1953 que o Instituto foi formalmente restabelecido en Frankfurt.

Primeira fase: marxismo científico.


A escola inicialmente estaba formada por marxistas críticos disidentes que afirmaban que algúns dos
seguidores de Marx se converteran en "papagaios" dunha limitada selección de ideas de Marx. Moitos deles
criticaban que a teoría marxista tradicional non podía explicar axeitadamente o desenvolvemento das
sociedades capitalistas no século XX. Críticos tanto co capitalismo como co socialismo da Unión Soviética,
os seus escritos buscaban un camiño alternativo sempre co obxectivo de transformar a sociedade capitalista.
Max Horkheimer (1895-1973), filósofo, sociólogo e psicólogo social, tornouse director do instituto en 1931.
El vai insistir na interdisciplinariedade e na necesidade de complementar a filosofía con outras disciplinas,
como a economía, a psicoloxía, a etnoloxía, a historia e as ciencias da cultura. Con este obxectivo,
Horkheimer recrutou moitos dos mais talentosos teóricos da escola: Theodor Adorno (filósofo, sociólogo,
musicólogo), Erich Fromm (psicanalista), Herbert Marcuse (filósofo) e, como membro do "círculo de fóra"
do instituto, Walter Benjamin (ensaísta e crítico literario).
Segunda fase: teoría crítica & Dialéctica da Ilustración
Max Horkheimer, no seu texto “Teoría Tradicional e Teoría Crítica” (1937), afirma que a “teoría tradicional"
é a teoría no modo positivista, cientificista, ou puramente observacional e descritiva - isto é, da que derivan
xeneralizacións ou "leis" sobre diferentes aspectos da sociedade. Baseándose en Max Weber, Horkheimer

2
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

argumentou que as ciencias sociais son diferentes das ciencias naturais, porque o investigador social está nun
contexto histórico cuxa ideoloxía moldea o seu pensamento. A teoría crítica é unha teoría social crítica
autoconsciente que intenta non ligarse dogmaticamente a ningún presuposto doutrinal, aínda que sabe que
sempre existe algún. Horkheimer sustentou que a teoría crítica debía describir a totalidade da sociedade, mais
tamén realizar propostas de acción de cara á emancipación dos seres humanos das circunstancias que os
escravizan; en concreto, o capitalismo.
Crítica, no sentido marxista, significa tomar a cultura e a ideoloxía dunha sociedade e criticalas
comparándoas coa realidade social desa mesma sociedade. Por exemplo, comparar a defensa da liberdade
individual e do libre mercado coa desigualdade social e a explotación baixo o capitalismo; comparar a
suposta socialización dos medios de produción coa represión e homoxeneidade baixo a sociedade estalinista.
Seguindo a Marx, estaban preocupados polas condicións que permitirían cambios sociais para conseguir
unha sociedade racional. A súa énfase no compoñente "crítico" da teoría foi derivada significativamente da
súa tentativa por superar os limites do positivismo:
- da socioloxía, Horkheimer defende un concepto de socioloxía como normativa e non como
descritiva/contemplativa, posto que a socioloxía debe contribuír á mellora das condicións de existencia
humana.
- da ciencia, defendendo que existen outras verdades, principalmente a das artes.
A segunda fase da teoría crítica da Escola de Frankfurt céntrase principalmente en dous traballos: Dialéctica
da Ilustración (1944) de Horkheimer e Adorno e Minima Moralia (1951) de Adorno. Aquí a crítica do
capitalismo deveu unha crítica xeneralizada da civilización occidental. De feito, a Dialéctica da Ilustración
emprega a Odisea como un paradigma para a análise da consciencia burguesa, individualista, emprendedora,
dominadora da natureza mediante unha racionalidade técnico-instrumental.

3.1.2. O concepto de cultura da Escola de Frankfurt.


A cultura é:
a) o conxunto de prácticas sociais destinadas a tratar coa natureza (relixión, ciencias, artes). A cultura para
Horkheimer inclúe todos aqueles ámbitos que contribúen á reprodución da vida social, de maneira que
abarca eidos que antes eran excluídos: ciencia, relixión, dereito, moda, deporte, estilo de vida... Seguindo o
esquema marxista, distinguen entre:
- unha infraestrutura material/económica/relacións de produción
- e unha supraestrutura espiritual/cultural. A cultura son as formas de vida (crenzas, representacións,
vivencias) nas que os seres humanos viven as relacións de produción.
A pesar diso, os fenómenos culturais gozan dunha certa independencia con respecto ás estruturas económicas
e non son determinadas por estas mecanicamente. As formas culturais dunha sociedade adquiren rixidez e
forza, de maneira que poden contribuír ao cambio (momentos de crise) ou á conservación da sociedade. A
cultura e a civilización solidifícanse en forma dunha segunda natureza en forma de determinadas institucións

3
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

como a familia, escola, Igrexa... A cultura é unha “masilla espiritual da sociedade” (GS, 3, 345); a masilla
que une ou separa as baldosas que constitúen unha sociedade.
Horkheimer non considera a reflexión sobre a cultura como unha mera descrición do conxunto de formas que
conforman a vida social, senón como un intento de levar a cabo un proceso de humanización. Fronte a unha
concepción da cultura occidental como máis avanzada cá cultura primitiva, a teoría crítica afirma que o
progreso aínda non foi logrado, senón que a sociedade contemporánea está chea de contradicións internas.
Fala dunha crise da cultura, mais por crise da cultura a teoría crítica non entende unha baixa calidade das
obras de arte, senón unha cultura que reflicte unha sociedade en crise.
A cultura burguesa promovida pola Ilustración pretende liberar a humanidade liberando as almas e a
conciencia de toda opresión externa (relixión, superstición), mais só para uns poucos, mentres que o resto,
asalariados, viven oprimidos polo mercado de traballo. A liberdade e a felicidade prometidas pola cultura
burguesa son universais e abstractas, e deixan intactas as relacións de inxustiza existentes na realidade. A
cultura serve para disciplinar e controlar o malestar individual xerado pola civilización capitalista.
Coa chegada do estado autoritario a disciplina deixa de ser autodisciplina e autocontrol e pasa a ser obrigada
obediencia ao Estado. O estado autoritario supera o ideal de cultura da burguesía. O totalitarismo fascista
transforma o malestar individual que podía ser curado coa cultura nun malestar colectivo dirixido contra toda
a cultura en xeral. A única solución para este malestar é afiliarse a algún tipo de mito irracional (a raza aria,
España Una, Grande y Libre, God bless America, etc.). O nacionalsocialismo poría de manifesto o problema
da noción de cultura burguesa: unha cultura puramente espiritual separada das condicións materiais de vida
non pode eliminar un malestar social que ten que ver coa situación de explotación real e alienación dos
individuos.

3.1.3. A industria cultural.


A primeira vez que Adorno e Horkheimer empregan a expresión “industria cultural” é na Dialéctica da
Ilustración (Amsterdam, 1947). Nos borradores falaban de “cultura de masas” mais logo substituíron a
expresión por “industria cultural” para evitar que se pensara que se trataba da cultura que provén das masas,
da cultura popular.
A industria cultural non é unha etapa máis da cultura popular de masas simplemente que influída pola
aparición da técnica. A industria cultural é a cultura para as masas. A industria cultural aparece cando se
comezan a producir produtos culturais pensados para ser consumidos polas masas. A palabra “industria” non
se refire ao proceso de produción da cultura, senón a unha estandarización e a unha racionalización das
técnicas de difusión. A consideración de que os produtos culturais foron elaborados por e para individuos
transmite a sensación de que están vivos e son inmediatos. Son elaborados por stars para xente que así pode
soñar con ascender tamén á categoría de star. A industria cultural é industrial no sentido de que asume formas
industriais de organización: produtor – consumidor pasivo.

4
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

A chegada de traballadores ás cidades fixo que necesitaran entretemento. Ao principio este entretemento
consistía en formas decadentes e envellecidas do entretemento das clases superiores (no lugar do teatro,
circo). Posteriormente apareceu unha cultura dirixida especificamente a eles. En especial, o cine, que acabou
captando mesmo membros doutras clases sociais.
Ao principio, as obras de arte e as novelas eran obxectos levados ao mercado polos seus autores para sacar
algún beneficio indirecto. Despois, na industria cultural, o beneficio transformouse no único obxectivo, de
maneira que a obra de arte perde a súa autonomía. A cultura de por si tende a facer a crítica da sociedade e
dos seres humanos; cando a cultura é integrada nas sociedades endurecidas e obrigada a asimilarse aos seres
humanos, degrádase. Na industria cultural as obras espirituais só son mercadorías. Mais finalmente xa non
lle é necesario nin sequera intentar vender as súas mercadorías: chega con crear un público acrítico e
conforme, chega con facer propaganda do mundo tal e como está [para recibir cartos das institucións
correspondentes].

Control das masas


A industria cultural integra dende arriba os seus consumidores. Fai que os niveles alto e baixo teñan que
unirse: a arte alta perde seriedade e a arte baixa perde a súa forza de oposición. As masas son algo secundario
para a industria cultural: interesan en tanto que meros consumidores pasivos. A industria cultural asume que
a mentalidade das masas é inferior e inmutábel e dedícase a reforzala, nunca a cambiala.
Nas sociedades totalitarias ou capitalistas aparentemente democráticas, aparece unha industria cultural
controlada polos bancos e os sectores industriais dominantes que intentan explotar as capacidades humanas
para conseguir un consumo estético de masas. Trátase de aplacar as masas e conseguir conformismo
mediante o cine, o jazz, a radio e as revistas.
Non existe ningunha liberdade de consumo, posto que o gusto dos consumidores é educado previamente
segundo os intereses dos donos dos medios de produción. Trátase de explotar aquela esfera dos seres
humanos que queda máis alá do ámbito do traballo: mercantilizar o seu ocio con produtos de baixa calidade e
alienantes, é dicir, educar as clases populares con ideas contrarias aos seus intereses.
A industria cultural quere facernos crer que a vida correcta xa existe, que está aquí. Quere disfrazar o caos de
orde. A industria cultural defende a orde do status quo sen discutila e invita a acomodarse, mais non calquera
orde social é válida, senón só unha orde que sexa correcta. A industria cultural presenta e resolve uns
conflitos que non son os conflitos das persoas reais, que non teñen que ver cos seus intereses reais. A
industria cultural non intenta exercer unha crítica da sociedade, senón que simplemente transmite instrucións
que hai que obedecer e que serven a uns intereses moi potentes.
Malia parecer inocuos, as súas mensaxes non o son. A industria cultural fai crer que o mundo está ben
mediante un sucedáneo de satisfacción. O efecto global é unha anti-Ilustración: trátase de encadear a
conciencia, de impedir que afloren individuos autónomos, mais unha verdadeira democracia só é posíbel con
persoas maiores de idade. A industria cultural converte as masas en masas e logo as despreza e impide a súa

5
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

emancipación, a pesar de que elas poderían emanciparse moito máis do que o están mediante outro tipo de
cultura.
Dúas épocas na industria cultural.
- na época de Adorno e Horkheimer o que predominaba era unha industria cultural autoritaria, que buscaba a
represión dos instintos agresivos e sexuais ofrecendo satisfacción substitutivas imaxinarias, que debían
manter intacta a moral dominante.
- na época actual hai unha industria cultural transformada. Esta promove o consumo alén de calquera límite,
de calquera prohibición moral, defendendo as pulsións sexuais e agresivas nunha sociedade de competencia.
Os produtos culturais son mercadorías que compiten entre elas para ser consumidas.
Esta industria cultural vese acompañada por un déficit na capacidade de atención e de discurso que ten
consecuencias mesmo fisiolóxicas (Christoph Türcke e o seu concepto de ‘sociedade da sensación’, 1995).
Os consumo prolongado de estímulos, o continuo bombardeo audiovisual fai que os seres humanos deveñan
intranquilos e teñan unha compulsión á ocupación. En lugar dunha cultura, hai agora fragmentos culturais
que non son capaces de formar unha experiencia e que non son asumidas por un suxeito autónomo para
construír un novo todo social. Os conflitos bélicos mundiais manifestaron que as culturas nacionais eran
superficies que agachaban por debaixo conflitos brutais.
Cultura, polo tanto, non sempre significa humanidade, vida humana digna, redución da violencia. A cultura é
unha organización da violencia, mais non sempre positiva. A cultura non é violencia directa, mais contén
sempre unha certa violencia: contra a natureza, contra un mesmo (o seu benestar psíquico) e contra outros
membros da comunidade (competitividade).
Defensores e críticas do concepto de industria cultural de Adorno&Horkheimer
- A socioloxía da comunicación afirma que a industria cultural xoga unha función importante a nivel social,
formando a conciencia dos consumidores. O problema é que non se pregunta acerca da calidade, verdade ou
falsidade dos seus produtos. Que unha cousa xogue unha función non quere dicir que sexa importante. A
importancia da industria cultural na vida psíquica das masas non leva a non poder preguntarse criticamente
acerca da súa lexitimidade.
- Moitos intelectuais resígnanse á industria cultural e invitan a resignarse ante ela (series familiares de tv,
novelas ilustradas, películas a medida...) porque sería inofensiva e ademais democrática: satisfaría unha
demanda preexistente das masas. Ao mesmo tempo a cultura de masas difundiría informacións, consellos e
comportamentos liberadores. Os sociólogos alemáns Oskar Negt (1934) e o filósofo e cineasta Alexander
Kluge (1932), sen deixar de ser críticos, afirman que o que sucede é que neste proceso prodúcese unha
integración das experiencias que potencia a sensibilidade, a percepción, a imaxinación individual e social dos
consumidores, de maneira que cabe aínda algunha esperanza.
- Habermas cre que os medios contribúen a unha comprensión máis igualitaria, abre un espazo onde é
posíbel a comunicación entre todos os cidadáns. Abren un espazo para organizar unha resistencia e unha
articulación de intereses contra a colonización do mundo da vida por parte do capital. Isto é posíbel sempre

6
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

que se manteñan esta esfera como aberto e non dominada por intereses particulares, por patrocinadores que
determinan que se pode e non dicir e facer culturalmente. Mais en realidade as informacións que ofrece son
informacións pobres, consellos banais e comportamentos conformistas. A xente acepta os enganos que lle
propón a industria cultural: ten medo de perder estas satisfaccións que en realidade son pseudosatisfaccións.
Conclusión
Para merecer o rótulo “cultura” algo ten que expresar o sufrimento da sociedade e manifestar unha oposición
a el e a esa sociedade en aras de lograr unha vida correcta.

3.1.4. A cultura segundo Adorno.


Nun texto de 1949 co título “A crítica da cultura e da sociedade” 1 Adorno critica o papel do crítico cultural,
mais ao facelo fai unha crítica do concepto de cultura.
A autonomía da cultura na visión dos críticos
O crítico da cultura sostén que existe algo así como a cultura como un ente abstracto e independente que
pode ser criticado en si mesmo sen atender á sociedade na que opera esa cultura. O crítico cultural
transforma a “desesperación e vida inaxeitada” da poboación nun problema cultural, nun problema da
decadencia da cultura. Así, esquece aquilo “indícibel” que sería necesario dicir: as relacións sociais inxustas
que organizan a vida social. Para Adorno, por moi impotentes que sexan os seres humanos para pensar en
como cambialas, é necesario seguir dicíndoas.
A distancia que adoptan os críticos permítelles pasar por alto a desorde da sociedade do seu tempo. O crítico
transforma a distancia que nos separa dunha sociedade xusta na distancia á que se atopa unha determinada
obra cultural do seu ideal de obra de arte. A cultura en xeral é desprezada polos críticos como alcanzando ou
non alcanzando a distinción e altura que lle corresponde, mais isto esquece as condicións materiais da vida
sobre as que se ergue esa cultura. O crítico cultural coopera a esta distanciación da cultura, “en calidade de
chincha pagada e honrada”.
Así a cultura perde toda responsabilidade, é dicir, comeza a considerarse que a cultura non é responsábel de
nada. A cultura e o seu espírito son libres, si, mais sempre acatan as relacións sociais existentes, sobre as que
non poden dicir nada. A cultura sepárase da realidade e só tras separarse permíteselle ser libre. Finalmente,
acaba converténdose nunha especie de 'ornamento' innecesario da realidade. Mais así a cultura perde o seu
único sentido: servir ao ser humano real, estar na realidade e transformala para que o ser humano viva
mellor.
Adorno afirma que hai un erro de base en concibir a cultura como algo independente das relación sociais e o
crítico contribúe a isto. O crítico pretende separase da consideración do tipo de sociedade no que se produce
un ben cultural porque isto lle permite pensar o terreo cultural como un espazo de liberdade. Agora ben, esta
liberdade é falsa, porque en realidade a cultura depende da realidade, e esta realidade baséase en determinada

1 Versión castelá: Adorno, Th. W. (1962), Prismas. La crítica de la cultura y la sociedad. Barcelona, España: Ariel, p.
9-29.

7
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

organización do traballo segundo a cal uns rouban o traballo doutros. A cultura actualmente aliméntase da
separación do traballo espiritual e o traballo corporal. A cultura pretende separarse da núa existencia, da
realidade. A cultura tal é como é pensada, considérase separada do traballo físico. O crítico sostén un
concepto de cultura sublimada, de maneira tal que a eliminación desta separación lle parecería un horror.

O mercado da crítica, o mercado da cultura


a) inicialmente os críticos profesionais da cultura eran “informadores”, é dicir, orientaban aos consumidores
na multiplicidade de obras de arte. Grazas á difusión mediante a prensa, pasaron de ser informadores a ser
xuíces das obras. Mais isto fixo que a súa subsistencia dependera tamén de que en canto críticos tiveran éxito
no mercado da crítica, de maneira que acabaron converténdose en produtos do mercado eles mesmos. A
valoración seria da cultura fica nun segundo plano. O primeiro plano era conseguir ocupar unha posición de
prestixio, construírse un lugar de privilexio. Isto provocou certo conformismo cos produtos culturais
fabricados. Acabaron sendo figuras que se dedican a facer propaganda ou a censurar, mais sen aportar unha
valoración seria sobre a cousa xulgada, pretendendo facer pasar as súas opinións por xuízos obxectivos.
b) a liberdade de opinión e de expresión no terreo cultural e no terreo da crítica cultural non é auténtica.
Unha vez que se rompeu o control teolóxico-feudal, no que uns poucos nobres e señores impoñían os seus
gostos sempre de acordo cos ditados da Igrexa, a sociedade burguesa creou outro tipo de control. As obras de
arte fixéronse produtos, mercadorías sometidas ao mercado, ao tráfico e á compravenda. A necesidade de ter
que ser vendidos fai que os produtos sexan cada vez máis uniformes, máis homoxéneos, de maneira que
perden a súa singularidade, a súa diferenza. A consideración de ‘ben cultural’ e de ‘valor cultural’ depende do
mercado.
Falsa emancipación
Todo isto combínase cunha aparencia de liberdade á hora de facer novas creacións culturais; mais é tan só
unha aparencia, posto que o mercado é o elemento que impera. A cultura emancipouse do poder teolóxico e
absolutista, mais caeu nas mans de certos grupos de poder e da opinión anónima das masas. A cultura está
con docilidade absoluta en mans da clientela.
A cultura resígnase ante o funcionamento das cousas, dos procesos vitais. A cultura pasa a ser considerada
como a esfera superior da vida social mais en realidade todo o seu potencial emancipador é neutralizado. Os
produtos culturais contribúen ao mantemento da orde existente e propoñen unha falsa liberdade.
A crítica cultural burguesa, intenta que esta situación non se visibilize e para calmar aos que están por
debaixo recoñece tamén como cultura aquela que está destinada ás persoas que exercen un traballo suxo:
distingue entre alta cultura e cultura popular, obra de arte e obra de entretemento, verdadeiro coñecemento e
concepción do mundo. Mais en realidade o seu concepto de cultura autónoma e pura esquece totalmente
calquera tipo compromiso cos que están por debaixo.
O crítico converteuse nun manager que lle fai chegar á poboación certos produtos para o seu consumo
espiritual, mais sen discutir as relacións reais nas que foron producidos eses produtos. Quen decide sobre as

8
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

culturas é o xestor, o administrador, mais sen exercer ningún tipo de cribado ou crítica. O único criterio é que
sexan útiles, funcionais, sen entrar a valorar o seu contido obxectivo. A función da cultura xa non é nin
sequera transmitir unha serie de contidos ideolóxicos, senón ocupar o espazo que debería ocupar unha
conciencia crítica dunha realidade inxusta. Trátase de lograr que a xente se distraia e non descubra o que
existe por debaixo.
Ex.: Hollywood. Non hai que censurar os contidos das películas. Pode tratarse o tema que se queira. A
verdadeira censura é que os espectadores van prestar máis atención aos nomes e vidas dos actores cós
contidos. A cultura aspira a distraer. Dá igual se se trata dun escritor da alta ou da pequena burguesía. O que
importa é que distrae.
A cultura pasa a formar parte da esfera da vida privada, convértese nun apéndice do proceso social, mais xa
non xoga ningún papel de crítica do público.
A cultura ten entón dúas opcións:
- condenar a base material porque non alcanza a pureza que ela mesmo ten -cultura de élite.
- criticar a cultura por non ser capaz de cuestionarse a si mesma, por non ser capaz de recoller ben e
denunciar a realidade. Opción correcta.
A crítica cultural adopta normalmente o primeiro punto de vista e despreza os produtos culturais actuais por
non estar suficientemente á altura da gran cultura. A crítica cultural afástase do mal real porque pensa nunha
cultura separada da realidade, mais ao mesmo tempo non deixa de actuar como un complemento desa
realidade pésima: ocupa o lugar doutra cultura posíbel que fora realmente crítica.

Nazismo e estalinismo: suspensión da cultura.


Os nazis alemáns detestaban a crítica. Mesmo chegaron a substituír a expresión “críticos de Arte” por
“consideración da arte”. Segundo Adorno isto non se debe:
- a que os críticos falaran dunha cultura na que os fascistas non tiñan lugar;
- nin tampouco ao feito de que os críticos dixeran cousas que non lles gustaban aos nazis.
O verdadeiro odio viría:
- do feito de que o crítico pretende ser independente, cando non o é,
- e ao mesmo tempo quere ser reitor da sociedade, cando en realidade como moito podería ser reitor da
cultura.
Finalmente, os fascistas eliminaron toda cultura. Refuxiáronse nunha “cultura” composta por mitos, cando en
realidade cultura e crítica teñen que ir sempre xuntas.
A teoría crítica non pode suspender a cultura enteira. Facer unha crítica enteira á cultura e eliminala por ser
ideolóxica, non fai máis que afianzar a sociedade tal e como existe e deixala intacto. Adorno critica as
visións socialistas porque ao negar a cultura, simpatizan en certa medida coa barbarie, coa negación total da
cultura favorecendo así o máis groseiro e negando o individuo en favor da sociedade. Finalmente,
reintroducen unha cultura oficial forzada dende as institucións.

9
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

A crítica non procede negando o todo, senón criticando a pretensión dunha cultura de estar de acordo coa
realidade. Non se afirma que a cultura sexa falsa, senón que non recolle a realidade. A crítica denuncia toda
cultura que non denuncie unha sociedade inxusta. A crítica debe discutir a verdade ou falsidade dun
coñecemento, dun pensamento, dunha creación cultural. A crítica descubre debaixo da harmonía da obra as
súas contradicións. A cultura non é “mera ideoloxía”, porque contén sempre algo de verdade. Trátase de
separar o que contén de verdade e o que contén de falsidade.
Ao mesmo tempo, a crítica ten que poñer de manifesto que a cultura por si soa é incapaz de transformar a
realidade, e de que non pode superar por si mesma os problemas que atopa na realidade. Non chega con
culturizarse para escapar do “cárcere” da realidade. Este sería só un primeiro paso.
A crítica auténtica
Malia todo, de vez en cando certos antagonismos chegan á conciencia. A cultura pretende ser un espazo de
harmonía dentro dunha sociedade antagónica. Mais finalmente isto permite albiscar o contraste: a sociedade,
a diferenza da cultura, é disharmónica, quéirao ou non a cultura. A cultura descubre que ela se levanta sobre
unha sociedade chea de antagonismos e que non obedece a ningún dos seus plans de harmonía, senón que
funciona co seu propio “dinamismo fatal e inconsciente”. A cultura/o espírito descobren que a realidade non
é coma eles -harmónica- e, entón, deixan de facer apoloxía dela. Pasa a facer crítica da existencia.
A crítica debería ser para que a cultura “roera as cadeas” que a atan, mais en realidade, o crítico acaba
exercendo unha censura, cando debería abrir novos camiños. A crítica é verdadeira cando é capaz de disolver
a cultura e isto é o mellor que pode facer: rebelarse contra unha cultura que non está á altura da súa misión
crítica.
É necesario reivindicar unha crítica cultural verdadeira. Sería un erro esquecerse da importancia da cultura
para considerar que o único que importa é a economía. A cultura non é un epifenómeno, un fenómeno
secundario, de maneira que non paga a pena deterse no seu estudo. A cultura é un terreo importante. Trátase
de recuperalo. A negatividade debe ser o fío condutor da cultura: a negación dunha realidade inxusta.
A cultura non é un elemento que teña valor por si mesmo, senón sempre en relación a unha realidade
económica e social que ten que criticar. Propiamente falando, unha verdadeira crítica cultural o primeiro que
ten que facer é destruír o concepto dunha cultura independente, dunha cultura que se sitúa alén da realidade.
Hai que distinguir entre dúas teses que non van xuntas: 1. Que o que se considera verdadeiro nun
determinado momento histórico vén sempre determinado por algo material (verdadeiro). 2. Que entón o
único que queda é deixar constancia de como están as cousas, cunha actitude de total positivismo e
pragmatismo (falso).

3.1.5. Walter Benjamin


Walter Benjamin (Berlín,, 15 de xullo de 1892 — Portbou, 27 de setembro de 1940) foi un ensaísta, crítico
literario, tradutor, filósofo e sociólogo xudeu alemán. Membro da Escola de Frankfurt, foi fortemente
inspirado tanto por autores marxistas como polo místico xudaico Gershom Scholem. Coñecedor profundo da

10
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

lingua e cultura francesas, traduciu para o alemán importantes obras de literatura. Entre as súas obras mais
coñecidas, cóntanse A obra de arte na era da súa reproductibilidade técnica (1936), Teses sobre o concepto da
Historia (1940) e a monumental e inacabada París, Capital do século XIX ou o Libro das pasaxes (1927-
1940).
A principal obra de Walter Benjamin, Libro das pasaxes, no que traballou entre 1927 e 1940, é un esbozo
dun libro sobre París como capital da modernidade que nunca chegou a publicar. Non era unha historia
cultural da cidade, senón unha análise histórico-filosófica da modernidade. O fío condutor era a estética e a
subxectividade na época da sociedade de masas. Trátase dunha análise do capitalismo acompañado dunha
reflexión crítica sobre as nocións de orixe e de progreso. A súa tese é que estaba tendo lugar un cambio de
época no que unha experiencia da realidade chea de sentido ía ser substituída por un exceso de vivencias
baleiras de sentido emprazadas nun mundo técnico, económico e estetizado.
Benjamin non rexeita de plano a cultura da sociedade de masas por acabar co individuo como os outros
membros da Escola de Frankfurt. Entende que a nova cultura e a súa estetización do social é algo positivo,
posto que pode dar lugar a un tipo novo de subxectividade postburguesa. O cine, por exemplo, alén de ser un
medio de divertimento, podería ser empregado polas masas para construír unha nova realidade; a cultura de
masas tecnificada podería servir para liberar os individuos das ataduras da tradición e educalos nunha nova
moral máis ética.
Benjamin interpreta a arte a partir da distinción entre reprodutibilidade e autenticidade singular. A
reprodutibilidade introducida polas novas técnicas quitoulle valor a autenticidade entendida como a
unicidade do que sucede nun aquí e nun agora irrepetíbeis: non é o mesmo unha escultura no lugar para o
que foi esculpida que unha fotografía desa escultura; non é o mesmo un templo grego asociado
inexorábelmente a un lugar e a un tempo, que unha pintura reproducida infinitas veces como fotografía nun
libro. O valor de exhibición aparece no lugar do valor de culto, perdendo a obra a súa aura, a súa
intocabilidade, a súa sacralidade, a súa singularidade. Agora todo é reproducíbel. A perda da aura significa a
perda da singularidade en virtude da intercambiabilidade.
A perda da aura non é algo puramente negativo, senón que implica o nacemento dunha nova época, secular e
esteticamente profana. Na arte das vangardas a aura é esnaquizada, sen que as vangardas sexan por iso
totalmente desprezábeis. En realidade, o proceso de dessecularización da arte iniciado pola clase burguesa
culmina a tecnificación da arte nas vangardas.
A nova época estética e cultural realizaríase nun novo medio: o cine é a obra non aurática por excelencia,
tecnicamente reproducíbel infinitas veces. O shock que produce o cine é análogo aos perigos que teñen que
enfrontar os individuos na sociedade moderna urbana.
As obras de arte son artefactos mecánico-alegóricos, inmanentes; non orgánico-simbólicos, transcendentes.
As vangardas son destrutivas, mais positivas: destrúen o anterior, fan tabula rasa para poder construír algo
novo, sobre todo despois do pesimismo e da pobreza de experiencias consecuente á I Guerra Mundial.
No seu ensaio de 1938 sobre As afinidades electivas de Goethe Benjamin distingue entre:

11
Filosofía e crítica da Cultura Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural Curso 17/18

- experiencia, continua, total, coherente, acumulativa, necesaria, recollida na tradición.


- vivencia, descontinua, parcial, incoherente, única, innovadora, continxente, intercambiábel. As vivencias
son algo contrario á experiencia. Son elementais e non poden pasar a integrar unha experiencia como un
todo. Todas eles son intercambiábeis e polo tanto non poden contribuír a formar unha experiencia.
A vida moderna das cidades está caracterizada por discorrer predominantemente baixo o modo da vivencia.
A multitude urbana non é un todo ordenado, non é unha colectividade, senón un pasar de viandantes que
forman unha multitude amorfa. A vida na cidade é unha sucesión de shocks que descompoñen a realidade, a
cal só pode chegarse mediante unha reflexión de segunda orde. O entendemento é a única defensa fronte á
experiencia incoherente e descomposta da cidade moderna. O entendemento e a reflexión deben actuar como
defensa fronte ao exceso de estímulos provenientes do exterior.
O filósofo e sociólogo Georg Simmel (1858-1918) xa tivera denunciado que a valoración das cousas en
cartos convérteas en intercambiábeis e desvalorízaas. Prodúcese así unha perda da posibilidade de
satisfacción e unha perda do sentido das cousas.
O inicio da descomposición da experiencia comezou coa perda do traballo artesanal manual e a aparición da
industria fabril. Ao mesmo tempo, a produción industrial permite unha saturación perceptiva (exceso de
estímulos) e unha intensificación do ritmo de vida. A experiencia tradicional deixa paso a unha sociedade que
vive de costas ao pasado e pendente só do futuro.
Ao mesmo tempo, os individuos comezan a ser ameazados polo aburrimento, por un sentimento de vacío, de
impotencia e de saciedade, de maneira que a cultura de principios do XX intenta buscar a salvación mediante
a recuperación (imposíbel) do aurático (mitos, seitas, crenzas relixiosas, fascismos).
Na época moderna Benjamin considera que existen dous camiños que intentan buscar a salvación:
- unha reconstrución dunha nova experiencia aurática, unha unión de pasado e presente nun todo coherente,
tal e como se concreta nalgunhas vangardas artísticas como o constructivismo ruso 2, que en realidade xa non
é posíbel.
- a mala opción foi a que triunfou: a busca de vivencias cada vez máis e máis excitantes e intensas, a procura
da sensación por si mesma, a intensidade ilimitada. O surrealismo, o expresionismo estarían nesta liña, coa
súa defensa dunha liberdade radical.
Trátase dunha cultura que é consciente da imposibilidade da aura mais que aínda non é capaz de renunciar a
ela.
Sería necesario buscar un punto medio entre as expectativas de ordenamento (experiencia) e as expectativas
de intensidade (vivencias).
Benjamin suicidouse en Port-Bou en 1940 fuxindo da Francia ocupada polos nazis cara a España e non viviu
a época posterior á II Guerra Mundial e as súas esperanzas estaban postas na posibilidade dunha nova
sociedade e unha nova cultura fóra do capitalismo.

2 O constructivismo foi un movemento artístico e arquitectónico nado en Rusia na época da Revolución rusa.
Realizaban carteis, fotografías e ilustracións ao servizo da Revolución.

12

También podría gustarte