Está en la página 1de 23

PRESENZA DE ROSALÍA NA OBRA DE RAMÓN CABANILLAS

Fernando Pazos García

Se se pensa en Rosalía de Castro, resulta moi difícil non comezar a escoitar na cabeza
o eco de centos de versos, ducias de poemas que se erixen con propia autonomía; semellan
ser unha especie de marca de identidade do auténtico ser galego. Sen dúbida ningunha que
Cabanillas experimentou isto con grande intensidade e tentou transmitilo a través da súa
poesía, todo sexa dito, con grande acerto. O autor de Vento mareiro recoñece en moitos
momentos da súa vida unha vinculación especial con Rosalía e, seguramente sen a influencia
desta, a súa obra poética tería variado sensiblemente. Este traballo pretende poñer de
manifesto os abondosos e relevantes puntos de encontro entre a obra de Rosalía de Castro, a
grande musa da literatura galega dende o século XIX, e Ramón Cabanillas, o coroado “poeta
da raza” e quizais o autor máis influente da literatura galega ao longo do século XX.

Ao facer un breve percorrido mental pola biografía do autor cambadés, cómpre ficar
con dúas referencias principais baseadas na súa lonxevidade que lle permitiu, por unha banda,
ser un digno herdeiro do labor de creación literaria culta iniciado no Rexurdimento e, por
outra, chegar a ser xa no final da súa vida, un loado mestre das xeracións galeguistas-
culturais posteriores ata ben pasado o ecuador do s. XX. Pertence, xa que logo, a esa xeración
que Ferrín bautizou co nome de “Antre dous Séculos” 1, de difícil adscrición a unha corrente
literaria única, máis no caso de Cabanillas debido á súa voluminosa obra que se ve laminada
por diferentes concepcións estéticas.

Dentro deste inxente labor creativo ten un lugar privilexiado Rosalía, unha figura que
aparece na súa obra de maneira expresa con composicións dedicadas a ela como “A Rosalía
de Castro” ou “Nosa Virxe do consolo”, entre outras. De maneira máis sutil, atópanse
pegadas seguindo a estética rosaliá, de ton profundo e angustiado, na súa poesía lírica e
intimista. Tamén se pode falar de referencias máis ou menos vagas á musa de Iria Flavia que,
se ben poden interpretarse en moi diversas direccións, a medida que se avanza no
coñecemento da biografía do autor de Cambados, colle consistencia a súa análise dende unha
óptica rosaliá. Esta é unha das achegas que vai deixar o próximo 2008-09, “Ano Cabanillas”,
da man dun dos estudosos máis exhaustivos da produción cabanilleana, Luís Rei, e da súa
biografía que está a preparar e que sairá do prelo nos vindeiros meses.

1
Xosé Luís MÉNDEZ FERRÍN, De Pondal a Novoneyra. Vigo: Xerais.
Tendo en conta o antedito, o presente estudo vai facer un repaso da presenza de
Rosalía en Cabanillas, comezando polas composicións que este lle dedicou de maneira
directa, seguindo por aquelas onde se percibe a influencia da nosa autora de xeito claro. Por
último, tamén faremos un breve repaso por aquelas obras en que aparece de maneira expresa
o nome de Rosalía, case sempre coa intención de situala coma un dos referentes básicos da
cultura e da literatura galegas.

Composicións dedicadas a Rosalía

Para pescudar a presenza de Rosalía na obra do cambadés, cómpre ter en conta algúns
momentos importantes na súa vida, algún dos cales forxaría para sempre o seu celme
literario, como indica Luís Rei.

O primeiro deles atópase no 1891, ano do traslado dos restos mortais de Rosalía
dende Padrón ata Compostela. Vese aquí un Cabanillas mozo adolescente no seminario
santiagués, que queda abraiado pola transcendencia que adquiren esas exequias diferidas da
Cantora e que lle fan tomar consciencia do ser galego e da importancia da súa cultura, da que
comeza a se sentir partícipe. El mesmo reflicte esta emoción na ofrenda floral que se lle
dedica á de Iria en xullo de 1951:

Os meus catorce anos envolveitos


nun manto colexial, o corazón
[…]
seguín da rumorosa moitedume
o cortexo transido de emoción.

Quen sabe?, quizais sexa este o primeiro e decisivo acontecemento que permitiu gozar
a xeracións de lectores dun poeta capaz de cicelar os versos que van dende No desterro ata
Samos; iso queda da man do que cada quen poida pensar ou queira imaxinar.

Haberá que agardar ata 1913 para que Cabanillas publique o seu primeiro poemario,
No desterro, onde se percibe unha fonda pegada da poeta de Iria, mais non será ata 1917
cando apareza o primeiro poema que lle dedica expresamente. É este outro ano clave na
relación Rosalía-Cabanillas xa que é aí cando se inaugura o monumento á Cantora no parque
da Ferrería, en Compostela, o 30 de xullo, como queda cumpridamente recollido na prensa da
época 2.

A preparación deste acontecemento levoulle moito tempo e empeño porque


consideraba que Rosalía era a figura máis representativa da cultura galega e a metáfora viva
do seu rexurdir. Argallou para a ocasión dúas composicións: a primeira delas foi “A Rosalía
de Castro”, e leva como introdución “No paso grorioso de homenaxe que se lle rindéu na
cibdade de Compostela, no ano de 1917”. No 1921 incluiraa na segunda edición de Vento
mareiro. A seguinte é un himno que fixo “por encargo do “Orfeón” de Santiago” para ser
cantado no acto de inauguración. A presenza de Cabanillas neste acontecemento subliña a súa
importancia no panorama literario da época: era impensable organizar un acto de
enxalzamento da figura da máis sublime voz das nosas letras sen contar co máis importante
poeta do momento.

A primeira delas é un extenso poema de máis de 150 versos articulado en base a tres
obras de Rosalía, como remarca o propio Cabanillas introducindo pequeno fragmento de cada
un. Todos pertencen ao segundo poemario de Rosalía, Follas Novas, e Cabanillas sérvese
deles para elaborar unha magna composición parafraseándoos. Comeza facendo unha
descrición panteísta dos espazos de cantou Rosalía: Bastabales, Padrón, Laíño…, espazos

2
Esta ilustración está tirada directamente de El Ideal Gallego, ano I, nº 120. A Coruña
todos eles que choran nun ambiente de tristura xeneralizada a falta da Cantora, á que se refire
como “rula” e como “reiseñor”. A parte final deste segmento péchase cunha ascensión
gloriosa da de Iria aos ceos e a súa conversión en virxe, todo isto envolveito nunha atmosfera
de fonda relixiosidade, como era frecuente en Cabanillas para tratar temas transcendentes.

A ROSALIA DE CASTRO

No paso grorioso de homenaxe que se


lle rindéu na cibdade de Compostela,
no ano de 1917.

¡Padrón! ¡Padrón!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!

Cando penso que te fuches


negra sombra que me asombras…

Unha vez tiven un cravo


cravado no corazón...

Cumprindo unha santa oferta,


romeiro dunha ilusión,
fun da Adina ó campesío
simiterio encantador,
e dos olivos escuros
de vella recordazón,
e do chan de erbas e frores
lindas, cal noutras dou Dios
o dos canónegos vellos
que nel se sentan ó sol,
o que do teu corpo santo,
con enxebre devoción,
a reliquia milagreira
amorosiño gardóu;
simiterio namorante,
currunchiño de oración
no que inda resoa o meigo
soído da túa voz
e no que todo te lembra
e de non verte se doi.

Era á caída da tarde, era a


postura do sol.
Uns rapaciños xogaban
contentos e rebuldós,
envolvía as brancas lousas
un dourado resprandor
e había un montón de terra
sin unha cruz ni-unha frol,
onde quizáis unha probe
ó amañecer se enterróu...

Como orballo sotil sobor das rosas


do ardente sol do vran labareadas,
como nas almas tristes e saudosas
os doces bicos de ilusións douradas,
na calma do serán, nas misteriosas
ás do vento, por cumes e valgadas,
cabo de min chegaron, vagorosas,
unhas mainas, doentes badaladas.

Viñan daquelas túas compañeiras


campaniñas que en rimas milagreiras
bebendo as feles dun penar cantache

e que da aurora até morrer o día,


feridas dun amor, desque as deixache
soio saben chorar por Rosalía.

Das campanas de Laíño


e as campanas de Padrón
zoaron no aire durmido
os melancólicos sons.
Afundida no recordo,
a alma miña escoitóu
os laios da túa tenra,
nostálxica impregación:
Aquelas risas sin fin,
aquel brincar sin delor,
aquela louca alegría,
¿por qué acabóu?

Da banda de Bastabales,
terra das túas visións,
foi chegando, esmorecido,
un batido fungador.
E a campana das soidades
polos agros espallóu
verbas sangrantes dun salmo
de agunía e de tremor:
¿Onde vai a nosa Rula,
a Rula que nos cantóu?
¿Por qué o niño esta valeiro?
¿Onde se foi?

E daquelas queixumbrosas,
tristes campanas de Herbón,
ás que un día lle pediche
silenzo para un delor,
daquelas que che partían
as cordas do corazón,
de alá da veira do río
rubéu, chorosa, unha voz:
¡Nosa Virxe do Consolo!
¡Namorante reisenor!
Rosalía... Rosalía...
¡Adiós! ¡Adiós!

Abréuse no alto ceo unha ferida.


Caiéu a feixes soave luz dourada,
e a veiga, latexante e frorecida,
quedóu como un altar alumiñada.

A surrisa nos beizos, e na frente


a estrela dos unxidos alá enriba,
antre os ouros do circo relocente,
túa imaxe brilóu con luz máis viva.

E bendecindo o val do teu cariño,


onde tiveche tanto tempo o niño,
vinte pasar deixando, garimosa,
un regueiro de arume e craridade,
unha pinga de orballo en cada rosa
e en cada pedra un bico de saudade.
A partir de aquí a escuridade e o marasmo cobren a terra, os fillos de Rosalía quedan
orfos no medio da noite, atenazados pola “negra sombra, sombra irmán / da sombra que te
asombróu”. Para Cabanillas a “negra sombra”, a cal tocará nalgún outro poema, emana da
propia Rosalía, do mundo que a rodea constituíndose como un elemento totalizador e
cosmolóxico que implica unha maneira de ser e de ver o mundo. A escuridade e a noite non
son aquí eternas, mais a poesía de Rosalía mantén acesa a súa memoria (a de Cabanillas) que
acada a máxima expresión “este día / de groria e resurrección”, cando o pobo galego ten a
ben erixirlle unha estatua.

Pechóuse a porta do ceo


e nubóume o corazón
negra sombra, sombra irmán
da sombra que te asombróu,
da que surdía ó teu paso
na legría e no delor,
ó pe dos teus cabezales,
nas estrelas e no sol
e no marmurio do río
e no vento zoador.

Véu a noite e truxo a sombra


seu cortexo de visións.
Saudosa, a estrela da tarde
no ceo parpadexóu
e morreron das campanas
os melancólicos sons.
Os ollos na estrela, a alma
viaxeira nunha ilusión,
ceo arriba, ceo adiante,
detrás de quen a encantóu,
cheguéime ó pé dos olivos
de vella recordazón
e das ponliñas máis novas
a miña man esgazóu
as que che traio este día
de groria e resurrección.

Nelas, envolta no arume


que o chan da Adina lles dóu,
como unha branca pombiña,
ven unha homilde oración:

—Dónanos, nai Rosalía,


aquel cravo feridor
que che fixo un mal tan fondo,
que tanto te atormentóu;
aquel misterioso cravo
de ouro, de ferro ou de amor,
que tantas veces na vida
causa dos teus choros foi.

Pecha a composición a paráfrase do último poema que se sinala no comezo, “Unha


vez tiven un cravo”. Xa está Rosalía ascendida aos ceos e unxida co crisma da santidade, polo
que se lle poden facer pregarias, e isto é exactamente o que fai Cabanillas.

O cravo que atormentou “a nosa rula”, impregnado no sangue do seu corazón,


maniféstase como unha especie de reliquia ou de obxecto sagrado que recolle as máis puras
esencias do ser galego, da súa terra e da súa cultura, que son as que alumearon a vida de
Rosalía. Tanto é así, que na parte final do poema, visualízase unha auténtica santa: un
Cabanillas levado pola emoción implóralle con vehemencia que lle crave o cravo para
consumar esa unión mítica.

Dónanos, nosa santiña,


aquel cravo redentor,
cheo de sange groriosa
coma os cravos da Pasión,
aquel cravo que arrincaches
para arrincar un delor
do que tiveches soidades
axiña que che faltóu.

¡Nosa Virxe do Consolo!


Coa túa man de bendición
crávanos dentro do peito
ese cravo que é pra nós
berce e arrolo dos fillos,
cos irmáns corda de unión,
mimosa fala dos pais,
cova honrada dos abós!

¡Crávanos, fondo, ben fondo,


canto máis fondo mellor
o cravo de amor á Terra,
o cravo do amor a Dios,
aquel cravo que tiveche
cravado no corazón!

O segundo poema que elaborou para a homenaxe a Rosalía foi o himno que a
continuación se reproduce:

«Himno que fixo por encargo do

"Orfeón" de Santiago pra cantarse

na inauguración do monumento a

Rosalía.»

¡Nosa virxen do consolo,


Rosalia, doce nai...
ó redor da tua imaxen,
os teus filliños están!...
Tranche nas almas acesas
a dozura dun amor,
na man as rosas a feixes,
nos beizos unha oración.
Como nun berce de frores
veñen por no teu altar
o amor á súa santiña
i o amor ó gallego chan.
Dalles en paga unha folla
da mais milagreira fror,
3
da rosiña de cen follas
que tiñas no corazón.

Vese por primeira vez o tratamento de “nai” que Cabanillas lle atribúe a Rosalía e que
desenvolverá e afondará na seguinte composición a analizar. Aquí a poeta aparece como unha
figura de cohesión do pobo galego que fai que se estableza un vínculo afectivo e familiar
entre os seus membros converténdose todos en “fillos” dela. É esta, xa que logo, unha nai
espiritual que a través dunha óptica cristiá se converte en “virxe” e que, como todas as virxes
deste país, ten unha advocación concreta; a dela é o Consolo. Abunda aquí Cabanillas na
representación dunha Rosalía sufridora coa que é doado empatizar en momentos de dor
3
En OC2, aparece “rasiña”.
(noutra orde de cousas, habería que preguntarse se esta imaxe deseñada para Rosalía lle fixo
un favor ou a estigmatizou cun tópico que arrastra ata os nosos días).

Un terceiro poema publicado no 1917 atópase na primeira edición de Da terra


asoballada, abrindo a sección “Santos da nosa terra”, por diante de persoeiros de tanto relevo
como Pondal ou Brañas, e leva por título un intencionadamente lacónico “A Rosalía de
Castro”, repetindo o que xa empregara para a ofrenda floral:

A ROSALÍA DE CASTRO

Dúas nais me bican e me dan arrolo.


Unha, a do tempo neno, a pomba aquela
que me acochóu, mimosa, no seu colo
co xeito homilde da virtú sinxela.

Afundido no dor, frebente, tolo,


chamaba a morte a berros ó perdela,
cando ó ler os teus libros ¡ou consolo!
surdiche Tí: contigo tornóu Ela!

Dende entón, si ferido dos penares


que ensangrentan a vida con que loito
pouso a ialma nas FOLLAS i os CANTARES,

¡Rosalía! ¡ña Nai! ¡miña Santiña...!


¡méntrela Rula milagreira escoito,
sinto unha doce man que me acariña!

Rosalía maniféstase con toda a forza de que é capaz Cabanillas ao identificala como
súa nai, a carón da súa nai biolóxica 4, e que vén desenvolver unha función protectora e
consoladora perante a desaparición desta segunda que morrera no ano 1912, xusto antes da
publicación de No desterro. Esta composición serve para entender a relevancia que no espazo
íntimo do autor de Fefiñáns adquiriu Rosalía: nun momento de abatemento interior, de total
desconsolo, érguese Rosalía como unha voz amiga e protectora que de inmediato cobre o oco
que deixou o falecemento da nai. Transcende a concepción de nai-virxe de todos os galegos
que aparecía no himno, para chegar ao plano máis íntimo no que a poesía de Rosalía é quen
de suplantar a súa propia nai cando esta desaparece. Continuando coa metáfora e
amplificándoa, di que a figura protectora non lle é válida unicamente nos duros momentos da

4
Joaquina Enríquez García, procedente da parroquia de Vilariño, en Cambados.
morte, senón que os transcende e chega a ser “unha doce man que me acariña!” ante calquera
transo que lle cause dor na “vida con que loito”. Follas novas e Cantares gallegos, xa que
logo, exceden o simple feito literario para asumir un auténtico valor terapéutico.

O cuarto e último poema dedicado a Rosalía de maneira explícita aparece 34 anos


máis tarde, no 1951, cando se lle fai unha ofrenda floral en Compostela, e con el chega o
terceiro momento importante na vida de Cabanillas en relación coa cantora de Iria.
Rastréxase algunha información interesante sobre esta composición nunha carta que o de
Cambados lle envía a Ramón Piñeiro dende Samos con data do 3 de xullo de 1951, recollida
por Alonso Montero no terceiro volume da Obra completa. Nela aparece un Cabanillas maior
e canso mais con moito azo por asistir aos actos que se preparan en honor a Rosalía:

Seguro que non faltaréi nos días do Apóstolo, anque teña de ir a pé.

Comprométese a colaborar nos actos da ofrenda floral, denominación esta que, por
certo, non lle gusta nada como deixa claro:

eso de xogos nunca me gustóu con todo o seu medievalismo.

Malia isto, comprométese cos Xogos xa que na mesma carta informa:

teño unha glosa da rima «Unha vez tiven un cravo» e poréille un a meneira de
proemio en total uns 150 versos que é abondo.

A glosa á que se refire é a que aparece na parte final da homenaxe a Rosalía mais
finalmente non chegou a xuntar 150 versos, quedando tan só en 90.

OFRENDA FROREAL A ROSALÍA DE CASTRO


DIANTE DO MOIMENTO DE SANTIAGO

Foi un maio de luz e de recendos


que a historia de Galicia paxinóu.
O corpo santo da cantora esgrevia,
señora da Saudade e do Dolor,
na que o esprito da Terra tomóu carne
e frorecéu en lirios e cancións,
viña atopar repouso derradeiro
nun sartego que erguéu a devoción
do chan nativo, da cidade sagra
que os seus primeiros soños aniñóu,
nas orelas do Sar, onde os seus cantos
baten as azas en perene vóo.

Os meus catorce anos envolveitos


nun manto colexial, o corazón
en mocedade branca, inda pechado
o tenro gromo da primeira fror,
seguín da rumorosa moitedume
o cortexo transido de emoción.

* * *

Doce lustros de vida revoltada


a gadoupa do tempo recadóu.
Non queda ni-unha folla da roseira
ni-unha levián raiola de ilusión,
mais no meu peito gardo a relembranza
daquel día nimbado de esprendor
e un sentimento entoncias abrochado
arrecende meu vello corazón,
sentimento racial de señardade
que afinca o que ha de vir no que xa foi,
vieiro que as túas verbas alumean:
¡alma con dobre, inmorredoiro ardor
o que con fíos de esperanza tece
o máxico cendal do seu amor!

Rimadora de laios en que vibran


o dramático acento impregador
dos davídicos salmos e as secuencias
dos redentores días da Pasión;
rula das fondas, íntimas angurias
frorecidas en rosas de dolor
que enroxecen o sangue vivo e quente
saído do teu propio corazón,
todo na nosa Terra alenta e surde
do teu recordo místico ó quentor:
As arboredas que alancea a lúa,
os milleirales que recoita o sol,
a miudiña choiva de Lestrove
as verdegaias veigas de Padrón,
os degraus do cruceiro de Ramírez
cadeira dos teus soños ó solpor,
os xardíns da Retén, as badaladas
dos sinos melancónicos de Herbón,
saben dos teus cantares armoñosos,
ecoan de contínuo a túa voz.
E os ríos de cristal, as fontes craras
e os regatos pequenos, nun cramor
de saudade infinda acompasado
o ritmo en que lle deche teu adiós,
adórmense bicando a terra santa
da nai amorosiña que os cantóu.

* * *

Relembro homilde dun lonxano día


no que Galicia che rindéu honor,
ó pé do seu altar traio en ofrenda
o ramalliño inxel desta oración:
Dónanos, nai Rosalía,
aquel cravo feridor
que che fixo un mal tan fondo,
que tan to te atormentóu;
aquel misterioso cravo
de ouro, de ferro ou de amor
que tantas veces na vida
causa das túas coitas foi.
Dónanos aquela espiña,
aquel cravo de Pasión,
aquel cravo que arrincaches
para arrincar un dolor
do que tiveche soidades
axiña que che faltóu.

Santa do Amor e o Consolo,


coa túa mau de bendición
crávanos dentro do peito
ese cravo que é pra nós
berce arrolador dos fillos,
cos irmáns trave de unión,
mimosa fala dos pais,
cova honrada dos abós.
¡Crávanos fondo, ben fondo,
cánto máis fondo mellor,
o cravo do amor á Terra,
o cravo do amor a Dios,
aquel cravo que tiveche
cravado no corazón!

O poema estrutúrase en tres partes diferenciadas graficamente: na primeira delas un


Cabanillas septuaxenario evoca o día no que se trasladaron os restos de Rosalía dende Padrón
a Compostela, describíndoo como unha xornada que pasou á historia de Galicia. Tamén se
amplía o campo connotativo de Rosalía que pasa a ser “señora da Saudade e do Dolor”. Sen
dúbida ningunha, o poeta cambadés inclúe aquí a saudade tendo en conta o traballo realizado
para elaborar o seu discurso de ingreso na Academia, o cal se titulou “A saudade nos poetas
galegos” e no que Rosalía aparece citada en múltiples ocasións, protagonizando a parte final
do texto, que semella ser a máis importante:

E chego a un punto no que se me encolle o corazón e o pensamento esváiseme,


afundido na grandeza, na inmensidade dun nome.

Para voar hastra Rosalía é mester conece-los camiños do ceo.

Dempóis de catrocentos anos de silenzo e de recollimento interior, a alma de Galicia,


saudosa de amostrar toda a beleza que garda, encarnóu n-Ela.

De feito, cita varios poemas da Cantora que interpreta como de fonda pegada
saudosista, entre os que destaca o número XVII dentro do apartado “Vaguedás” de Follas
Novas:

Máis vé que o meu corazón


é unha rosa de cen follas
i é cada folla unha pena
que vive apegada noutra.
Quitas unha, quitas dúas,
penas me quedan de abonda;
hoxe dez, mañán corenta,
desfolla que te desfolla...
¡O corazón me arrincaras
desque as arrincaras todas!

Sobre o que comenta:


A Saudade, a divina Saudade, foi a que forxóu aquel cravo de ouro, de ferro ou de
amor, que ó ferir o seu corazón fíxoo frorecer naquela rosa mística eternamente louzana

Nesta saudade é onde atopa a orixe, segundo Cabanillas, esa imaxe tan traída e levada
do “cravo” rosaliano.

Ademais de por isto, esta composición é moi importante na relación Rosalía-


Cabanillas porque dela tira o título dun dos seus poemarios de ton máis íntimo e que
comentaremos máis adiante: A rosa de cen follas (1927).

Continuando coa “Ofrenda froreal”, na segunda parte, a máis longa das tres,
trasládase ao presente e describe os estragos que os anos fixeron, anos nos que todo murchou
agás a memoria daquel día: “no meu peito gardo a relembranza / daquel día nimbado de
esprendor”. Nun segundo momento, apela directamente á Cantora recreando unha imaxe
panteísta de Galicia imbricada intimamente coa memoria rosaliá na que “todo […] alenta e
surde / do teu recordo místico ó quentor”. A terceira e última parte está dedicada á glosa de
“Unha vez tiven un cravo”, reproducindo o texto da homenaxe de 1917, como recolle no
propio poema “Relembro homilde dun lonxano día / no que Galicia che rindéu honor”, con
algunhas variacións entre as que cabe destacar a introdución da palabra “espiña” como
sinónimo de cravo ou a ampliación do campo connotativo, unha vez máis, a través dos
epítetos “Santa do Amor e do Consolo”, suavizando a imaxe tradicional que de Rosalía se
quería dar como sufridora impenitente; agora é tamén e sobre todo, santa do Amor.
Seguramente Cabanillas, por volta de máis de setenta anos de vida, está canso de ver como o
nome de Rosalía fica permanentemente pegado á “dor”, ao “sufrimento”, á “desdita”, etc.,
obviando a súa capacidade de dar e de recibir amor.

Ademais de todo o dito, vese aquí un poeta sereno, máis preocupado por atopar un
estilo correcto pero que consiga o efecto de conmover, máis coidadoso coa substantivación e
adxectivación, na procura da palabra exacta, nunha expresión sen artificio capaz de transmitir
os máis fondos valores galeguistas vencellados con Rosalía, tal e como el mesmo pretendía e
lle comenta na carta a Ramón Piñeiro:

Nada de solenidades que parecen feitas máis para lucimento de vivos que para
homenaxe ós mortos: hai que pensar en que o morto é a saudade, e que este sentimento é o
máis vivo e criandeiro da alma gallega, a nosa maior forza: é mester, polo tanto, espertalo,
enxergalo e sostelo, no pobo.
Composicións con influencias claras de Rosalía

Aquí escóllense unicamente dous poemas que ben poderían ir no epígrafe anterior
pero que se traballarán á parte polo simple feito de non figurar Rosalía citada de xeito
explícito, aínda que, como se verá, as referencias á autora do Sar son máis que evidentes.

A primeira delas é a que leva por título “Ofrenda” e aparece dentro da Obra Completa
dentro do epígrafe “Poemas soltos datados”:

OFRENDA

As curiscadas do inverno
han de ispir as arboredas;
o lume do vrau runxidas
terá de deixa-las veigas,
as tremolinas do outono
desfollarán as roseiras...
¡Follas novas, follas novas,
nunca vos faredes vellas!

¡Mimosas e cristaíñas,
bicadas das orballeiras,
no corazón que cubrades,
sempre será primaveira!

Ben sei onde sodes nadas,


ben sei que fóchedes feitas
de adioses ó chan nativo,
e de lembranzas acesas,
de batidos de campanas,
de miudas pingas de brétema,
de bicos encamiñados
no raio azul dunha estrela,
de oraciós, da catedral
baixo as bóvedas de pedra,
ó pe do berce dun fillo
a quen a frebe atromenta,
sobre da lousa que cobre
o amor mais grande da terra...
¡Follas novas, follas novas,
de amor e recordos feitas!
¡Com-o amor, com-o recordo,
a un tempo novas i eternas!

Tempos van e tempos veñen;


Pasan e tornan as penas;
Teremos de desfollarnos
Com-as rosas da roseira...
¡En cada ialma que surda,
en cada ialma gallega!
Follas novas, follas novas,
Teredes nova nacencia.

Como se indicaba máis arriba, a influencia de Rosalía aquí é máis que palpable.
Configúrase como unha contestación ao poema feito por Rosalía no que ironizaba sobre o
título do seu segundo libro en galego:

V
¡Follas novas!, risa dáme
ese nome que levás,
cal s’a unha moura ben moura,
branca ll’oíse chamar

Non Follas novas; ramallo


de toxos e silvas sós:
irtas, com’as miñas penas;
feras, com’a miña dor.

Sin olido nin frescura,


Bravas magoás e ferís…
¡Se na gándara brotades,
cómo non serés así!

Rosalía, nun acceso de rabia e pesimismo, cualifica o título da súa obra de pretensioso
en exceso e pouco fiel ao espírito doente e amargado que alentou a meirande parte das súas
composicións.

Cabanillas, pola súa banda, desdí totalmente á autora de Iria xustificando plenamente
a súa elección como título para o poemario, chegando a dicir que serán follas, xa non novas,
senón eternas porque en cada alma galega que xurda esas follas, esas poesías, volverán nacer.
A segunda composición que se destaca aquí atópase dentro da sección “Rimas” de No
desterro. Como recolle Luís Rei na biografía de Cabanillas, foi esta a sección máis loada por
Murguía, malia que non fose aquela pola que pasase á posteridade este poemario senón polo
seu ton reivindicativo e loitador.

Segundo o seu biógrafo, cómpre facer unha relectura desta sección baixo a óptica do
loito e a tristura pola recente morte da nai que, á súa vez, se vincula coa figura consoladora de
Rosalía.

Rapaza que estás chorosa,


doente de mal de amor,
e pídesme mediciña
que che devolva a ilusión.
Esa frebe non a cura
adivino nin doutor
porque está dentro da ialma
o solimán que a causóu.
Soilo sei dunha receta
que fai levadeiro o dor;
esprimentéina ferido
i a aberta lacra cerróu:
Reza a miúdo a pregaria
do gallego reiseñor,
desa curandeira de almas
que tantos dores calmóu...
“Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón...”

Cabanillas aparece como un suxeito experimentado nos duros lances da vida e,


perante as súplicas dunha moza que está doente de amor, remítea ao “gallego reiseñor” ou
“curandeira de almas” e, concretamente, ao poema “Unha vez tiven un cravo / cravado no
corazón…”. Refírese a el como unha “pregaria” que se debe rezar, o que non fai máis que
abundar na imaxe de Rosalía tracexada polo autor de Fefiñáns como unha santa ou unha
virxe.

Composicións con presenza tanxencial de Rosalía

Neste terceiro e último epígrafe destácanse catro composicións en que se rastrexa de


xeito máis ou menos claro a presenza de Rosalía. En calquera caso, a poeta non ten un papel
central en ningunha delas senón que se concibe como un referente que vén dotar de carga
simbólica o significado xeral do poema.

É o que pasa en “Galicia”, que se recolle na primeira edición de Vento mareiro (1915)
dentro da sección “Da terra asoballada” que, como se sabe, lle dará título ao seguinte volume
do autor cambadés. Neste poema pretende enxalzar os valores propios de Galicia comezando
cunha poderosa imaxe metafórica na que se exhibe como unha nai forte e cariñosa, seguindo
o modelo da muller rural galega:

¡Galicia! Nai e Señora,


sempre garimosa e forte;
preto e lexos, onte, agora,
mañán... na vida e na morte!

Ao longo dos seus versos vai citando diferentes símbolos que, segundo el, foron
forxando a idiosincrasia e o ser galegos: personaxes (romeiros e xograres, Rodríguez del
Padrón, Macías), espazos (pazos encantados, barulleiro mar, noitiñas de luar), elementos
relacionados coa música (gaita, alalá), etc. Dentro de toda esta serie aparece Rosalía de
maneira moi discreta en base a nun elemento da natureza moi presente na obra da autora de
Iria:

A do Sar maino e tristeiro,


pazo de almas enloitadas,
e o Miño casamenteiro
de trasnos, meigas e fadas.

Aparece aquí Rosalía porque o río Sar está intimamente relacionado coa visión do
mundo que reflicte na súa poética e, asemade, polos adxectivos que leva asociados, “maino e
tristeiro”, que se poden interpretar como unha metonimia da propia Rosalía, xunto con
“almas enloitadas”, moi na liña da visión pesimista que tradicionalmente se teceu arredor da
poesía rosaliá. Non é casualidade, entón, que cite o Sar, xa que este río, e por extensión
Rosalía, recolle unha parte esencial importante desa Galicia que está a describir. Por que
senón o sitúa a carón do Miño, habendo outros moitos en Galicia máis significativos para
Cabanillas a todos os niveis (Lérez, Ulla, Umia…)?; a súa presenza explícase exclusivamente
pola asociación que permite coa musa de Iria, de igual xeito que asociamos o Anllóns ao
bardo Pondal.
Na seguinte composición rastréxase a presenza da escritora de maneira clara, tanto,
que está citada explicitamente a carón doutras figuras literarias importantes: Antolín Faraldo,
Aurelio Aguirre, Pondal, Murguía e Curros. Recóllese en “No homenaxe en Vigo” que
compuxo para ser lido na homenaxe que lle tributaron nesa cidade con motivo do seu ingreso
na RAE en representación das letras galegas, en 1927 5, e Alonso Montero sitúao na sección
“Poemas soltos datados” da súa Obra Completa.

e Rosalía, a Terra feita carne


envolveita en diviño resprandor,
o cáliz sagrosanto
onde as viudas dos vivos e dos mortos
verteran o seu pranto
de amor e de dolor;

Un Cabanillas pletórico, no cume da súa produción literaria, como figura máis


importante das letras galegas, totalmente recoñecido en todas as esferas culturais galeguistas,
non pode deixar de mirar novamente ao pasado para lembrarse de Rosalía que debe ocupar un
lugar de relevo nese elenco de “veneradas Sombras” que serviron para forxar a historia
recente de Galicia (lémbrese que arrinca en Faraldo) e da que el mesmo se sente partícipe e
continuador a través da súa poesía, como deixa patente na fermosísima declaración de
intencións que pecha a composición:

a vella profesión de fé renovo:

Do meu fogar no caricioso achego,


con meus irmáns en saudosa apreta,
da miña Terra enxebre namorado,
quero morrer, como nacín, gallego;
para decirlle meu mor, poeta;
para loitar polo seu ben, soldado.

Non será a única vez que Cabanillas recoñeza a débeda que ten con Rosalía. Noutro
texto de carácter narrativo aparece un autor que explica a súa poesía en gran medida grazas á
inspiración que lle brindou a “tristura da Rula do Sar”, a cal “me apreixara o corazón”. Tal
afirmación atópase no prólogo do libro de poemas A rosa de cen follas. Breviario dun amor
(1927), e sitúa a súa influencia á hora de escribir os versos que seguen, por diante doutras
grandes figuras do romanticismo español e alemán: Bécker e Heine.
5
Sete anos antes xa entrara na Academia Galega.
Malia que a tristeza da Rula do Sar me apreixara o corazón, o Béquer das
anduriñas o cinguira de brétemas, e Heine, o que oiéu as sonatas do violín da Morte,
batera nel como nunha bigornia de ferreiro, naceron os día lumiosos en que a vida é
unha cantiga nos beizos e un feixe de rosas na man. Así foron tecidas con esas
verbas voadoras que o sentimento, dende as primeiras alboradas, atóu con fíos de
ouro: «amor e dolor, canción e corazón»… as cadencias vagorosas da rima eterna.

Tanto é así que, como se dixo máis arriba, o título do poemario extráeo Cabanillas de
Follas novas.

Non se debe deixar pasar a oportunidade de citar un último poema que, se ben non é
debedor de ningunha obra de Rosalía, si o é dunha composición dedicada a ela e que no
presente ano a Fundación Rosalía de Castro acertadamente decidiu publicar traducida a vinte
linguas 6. Trátase do epicedio que Curros lle dedicou no ano 1891 con motivo do traslado dos
restos mortais dende Padrón a Compostela. Cabanillas, tomando esta composición como
referencia, fai o propio con Lois Porteiro, un dos promotores e idearios das Irmandades da
Fala. O poema “LOIS PORTEIRO”, que Alonso Montero inclúe no segundo volume da Obra
Completa dentro do epígrafe “Poemas soltos (Datados), 1907-1959”, ábrese cos seguintes
versos:

Tiña na frente unha estrela,


tiña no bico un cantar:

que calca os versos que Curros lle dedicara a Rosalía, e continúa interpretado os símbolos da
estrela e do cantar:

a estrela dos que camiñan


namorados de ideás,
a estreliña que alumea
os eidos da libertá,
a cántiga dos escravos
que saloucan por voar,
o canto armoñoso e forte
das Irmandás.

6
O epicedio de Curros Enríquez “A Rosalía” en vinte linguas, Centro de Estudios Rosalianos. Fundación Rosalía
de Castro. Padrón. 2008.
Outra volta, no comezo e no final da longa estrofa previa á conclusión do poema, vese
a mesma referencia; no primeiro caso sen variación ningunha:

Tiña na frente unha estrela,


tiña no bico un cantar:

mais no segundo cunha pequena modificación motivada pola inclusión dos adxectivos “azul”
e “enxebre”, que doadamente se poden interpretar en clave galeguista.

coa estreliña azul na frente


no bico o enxebre cantar!

Ate aquí chega esta pequena análise da presenza de Rosalía na poesía de Cabanillas
concluíndo que este soubo plasmar de maneira magnífica un sentimento de admiración e
débeda cara a aquela, sen o cal a súa obra na actualidade distaría moito de ser a que se
coñece. Non se quixeron esgotar en absoluto as posibilidades de estudo que presenta a
relación entre estas figuras imprescindibles da literatura galega, e simplemente se limitou,
como se indica no comezo, a sinalar aquelas pegadas máis evidentes da poesía e da propia
figura de Rosalía de Castro dentro da obra de Cabanillas, querendo remarcar a inmensa
importancia que este vencello tivo para o poeta de Cambados.

Bibliografía

• CABANILLAS, Ramón (2001): El Umia. El Cometa. Ramón Cabanillas, xornalista


cambadés. Edición de Xabier Camba e Luís Rei. Cambados: Deputación Provincial de
Pontevedra, Concello de Cambados e Xunta de Galicia.

• CABANILLAS, Ramón (1979): Obras completas, vol. I e II. Edición e notas de


Xesús Alonso Montero. Madrid: Akal.

• CABANILLAS, Ramón (1981): Obras completas, vol. III. Edición, limiar e notas de
Xesús Alonso Montero. Madrid: Akal.

• CASTRO, Rosalía de (1993): Follas Novas. Edición e notas de Henrique Monteagudo


e Dolores Vilavedra. Vigo: Galaxia.

• CASTRO, Rosalía de (1992): Poesía galega completa I. Cantares gallegos. Edición


de Andrés Pociña e Aurora López. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
• MÉNDEZ FERRÍN, Xosé Luís (1990) De Pondal a Novoneyra. Vigo: Xerais.