CASARES, Carlos

Escritor próximo á nova narrativa e político protagonista do recambio xeracional
do galeguismo, herdeiro da perspectiva intelectual de Ramón Piñeiro. Naceu en Xinzo
de Limia (Ourense) o 24 de agosto de 1941 e faleceu en Vigo (Pontevedra) o 9 de
marzo de 2002.

En 1952, Carlos Casares Mouriño trasladouse coa súa familia a Ourense, onde
ingresou inicialmente no seminario conciliar, mais abandonouno sen remata-los
estudos de Teoloxía e a continuación cursou o bacharelato no instituto. Daquela,
influído

polo

seu

mestre

de

Literatura,

Agustín

Madarnás,

manifestaba

xa

inquedanzas literarias, pois elaborou un xornal manuscrito, El Averno, que distribuía
entre os seus compañeiros e gañou, con dezaoito anos, o seu primeiro premio no
Concurso Provincial de Contos de Nadal, do que Vicente Risco era membro do xurado.
Iniciou a súa amizade con este escritor e comezou a participar nas tertulias do Café
Parque con outros literatos e artistas novos como Xaime Quessada, Acisclo Manzano,
Xosé Luís de Dios, Buciños ou Arturo Lezcano (gran cultivador do diálogo, a Casares
sempre lle gustou conversar).

Nos anos 60 desprazouse a Madrid e matriculouse en Filosofía e Letras. Nas clases
e mais nas tertulias do Café Gijón da capital contactou con intelectuais españois da
época. Interesouse especialmente polo compromiso humanista de José María
Valverde e de José Luis Aranguren e adquiriu un bo coñecemento sobre a nova
narrativa europea e americana. A mediados desta década, durante a súa etapa
universitaria en Santiago de Compostela -na que se licenciou en Filoloxía Románica-,
introduciuse no ambiente cultural galeguista vencellado ás ideoloxías de esquerdas e
á intelectualidade e coñeceu a Ramón Piñeiro, figura decisiva na súa traxectoria.
Publicou os seus primeiros relatos na revista Grial e integrouse na Agrupación
Democrática de Estudantes, organización na que desenvolveu actividades políticas e
culturais. Entre elas destacan a organización do concerto do cantautor Raimon -acto
para o que editou, con Salvador García-Bodaño, folletos coa tradución da letra das
cancións ó galego- ou a celebración dunha multitudinaria conferencia informal con
Aranguren, pola que foi detido e posto a disposición do Tribunal de Orde Pública.

Tralo remate dos seus estudos militou na rama galega da Fronte de Liberación
Popular.

En 1967 saíu do prelo o seu conxunto de relatos Vento ferido, cos presupostos da
nova novela de Robbe-Grillet como punto de partida, e en 1968 publicou un libro para
nenos, A galiña azul (premiado no I Concurso de Contos Infantís O Facho). En 1969
apareceu editada a súa primeira novela, Cambio en tres, e nesta data ocupou unha
praza de mestre no instituto de Viana do Bolo (Ourense), aínda que axiña as
denuncias dos caciques do lugar, que o cualificaban de separatista e de comunista,
provocaron que o gobernador civil Guillermo Fernández Júlbez o expulsase do centro
e que o reitor compostelán Manuel García Garrido o destituíse da docencia en todo o
distrito universitario. Trasladouse entón ó colexio Vizcaya de Bilbao -do que tamén foi
excluído por razóns políticas- e nese período traduciu ó galego Le petit prince (co
título O principiño), de Saint-Exupéry (posteriormente publicou a tradución Os
escaravellos voan á tardiña, de María Gripe) e estreouse no Certame de Teatro de
Ribadavia a peza da súa autoría A laranxa máis laranxa de tódalas laranxas (1973),
primeiro premio do Certame de Teatro Infantil O Facho.

En 1974 regresou a Galicia e obtivo unha praza de profesor de bacharelato en
Cangas (Pontevedra), mais neste instituto recibiu unha sanción correspondente a un
mes sen emprego e sen soldo; o Ministerio de Educación abriulle un expediente
disciplinario, igual que a outros autores galegos dedicados ó ensino como Méndez
Ferrín ou Alonso Montero. Ó ano seguinte, recibiu o Premio Galaxia de Novela no
vixésimo quinto aniversario da editorial por Xoguetes para un tempo prohibido
(Premio da Crítica Española en 1976), obra considerada o peche da primeira etapa da
súa produción literaria, enmarcada por expertos na nova narrativa, caracterizada pola
ambientación na Ditadura, a utilización de elementos autobiográficos (como, por
exemplo, a tendencia a contar historias da infancia e da mocidade nos espazos rural e
urbano)

e

o

experimentalismo

formal

(monólogo

interior,

ruptura

temporal,

alternancia de voces...). Esta novela tamén marcou o inicio dunha transición cara á
novela posfranquista, máis orientada a unha temática denotativa de humor, fantasía,
crenzas ou tradicións. En 1975, ademais apareceu a edición crítica realizada por
Casares sobre Aires da miña terra. Respecto do seu labor de investigación, obtivo o
Premio Ramón Otero Pedrayo por un ensaio sobre a vida e a obra deste autor e

escribiu as biografías de Curros Enríquez (1980), Vicente Risco (1981), Conversas con
Ánxel Fole (1984) e Ramón Piñeiro.Unha vida por Galicia (Premio Ánxel Fole 1991).

No albor da década dos 80 e a partir de entón, Carlos Casares compaxinou o seu
quefacer literario cunha intensa participación nos ámbitos político e sociocultural de
Galicia. En 1978 ingresou na Real Academia Galega co discurso "A crise do 98 na
literatura galega". Así mesmo, foi membro da Fundación Penzol e da Fundación Otero
Pedrayo. Un ano máis tarde publicou Os escuros soños de Clío (Premio da Crítica
Galega 1979, traducido a varios idiomas) e en 1980, a novela curta Ilustrísima. En
1981 desenvolveu a súa faceta política como deputado autonómico por Ourense, en
calidade de independente dentro do PSdeG-PSOE, nas primeiras eleccións ó
Parlamento de Galicia. A súa actividade centrouse no pulo da cultura galega; formou
parte da comisión redactora da Lei de normalización lingüística e potenciou a unión
dos distintos partidos para a súa aprobación e, no final da lexislatura, impulsou a
creación da Compañía Radio-Televisión de Galicia. Dous anos despois, en 1983,
gañou o Premio Fernández-Latorre de Xornalismo por un artigo sobre a autonomía
titulado "Carta aberta a un político galego" e publicou O can Rin e o lobo Crispín. En
1986 fíxose cargo da dirección da revista Grial e da editorial Galaxia e un ano máis
tarde publicou Os mortos daquel verán, Premio de Investigación Literaria Antón
Losada Diéguez e candidato ó Premio Nacional de Narrativa en 1988.

Como colaborador en prensa, inaugurou a súa columna "Á marxe" en La Voz de
Galicia en 1988, unha sucesión de reflexións sobre a vida cotiá. Este vínculo perdurou
ata o seu repentino pasamento (parte dos seus artigos recompilouse en 1994 no
volume Na marxe de cada día). Tamén asinou en El País, El Paseante e noutros
medios nacionais e estranxeiros, como a revista Du de Zúric. Durante este período
continuou co exercicio da súa cátedra de Literatura e concedéronlle o Premio de
Creación Cultural da Xunta de Galicia (1989) polo conxunto da súa obra e o Premio de
Xornalismo Julio Camba (1995), ó pouco de crearse.

En 1996, logo dun silencio literario de case dez anos, Casares publicou Deus
sentado nun sillón azul e resultou elixido presidente do Consello da Cultura Galega
[tamén foi presidente de honra da Alta Comisaría das Nacións Unidas para os

Refuxiados (ACNUR) en Galicia]. Ó ano seguinte retomou a narración infantil con Lolo
anda en bicicleta e a serie Toribio e obtivo de novo o Premio da Crítica Española. En
1998 e 1999 publicou os ensaios Un país de palabras (Premio da Crítica Galega) e
Hemingway en Galicia, respectivamente; en 2000, Un polbo xigante; e en 2002, A
vida do padre Sarmiento.

A título póstumo, o 9 de maio de 2002, saíu do prelo O sol do verán e o 21 de
decembro do mesmo ano concedéronlle o Premio de Xornalismo de Opinión Roberto
Blanco Torres pola súa columna diaria en La Voz de Galicia. O Concello de Ourense
nomeouno fillo predilecto da cidade en abril de 2003. Na actualidade está a funcionar
a Fundación Carlos Casares, con sede social en Vigo.

(Luis González Tosar et al.)
Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, 2005.

Intereses relacionados