Está en la página 1de 14

3.

Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

1. Notas previas
A) Debemos ter en conta que se a literatura galega é coñecida no mundo é
grazas a Rosalía e os cancioneiros medievais, que son obxecto de estudos en
todo o mundo.
B) Sobre Rosalía escribiuse moito e foi analizada desde diversos puntos de vista,
polo que hai interpretacións encontradas e algunhas que podemos
considerar erróneas (por exemplo, era feminista ou antifeminista?).

2. Biografía
 Rosalía nace en Compostela en 1837, filla ilexítima1 dun crego, Xosé Martínez
Viojo, e dunha fidalga, María Teresa de la Cruz de Castro e Abadía, á que a súa
familia deixa de lado.
 Pasa a súa infancia entre Ortoño, Padrón e Lestedo, onde entra en contacto co
mundo rural que reflectirá en Cantares Gallegos, adobiando e transformando
as súas experiencias infantís.
 Díxose que a nai de Rosalía se quixo desentender dela pero, aínda que non a
puido ter sempre ao seu carón, as cartas que lle escribe amosan a preocupación
que a nai sentía pola súa filla.
 En 1850 vai para Compostela coa súa nai:
 Seguindo os costumes fidalgos, recibe unha educación mínima2, cuxa
única finalidade é casar.
 Polo tanto, a súa cultura é limitada. Porén, frecuentará a Sociedad
Económica de Amigos del País e o Liceo de la Juventud, onde
probabelmente coñece a Murguía, Pondal e Aurelio Aguirre e, ademais, o
seu posterior matrimonio con Murguía contribuirá a que cambie esa
situación de educación deficitaria. Por outra banda, Rosalía suple esa
carencia co sentimento3.
 En 1853 acudiría á romaría da Virxe da Barca en Muxía coa irmá de Pondal,
Eduarda Pondal, quen estaba a piques de morrer de tifus. Desta experiencia
xurdirá a composición “Nosa Señora da Barca”, incluída en Cantares Gallegos.
 En 1854 represéntase no Liceo de la Juventud a peza dramática Rosmunda de
Gil y Zárate. Nela Rosalía interpreta á protagonista, o que amosa a súa
sensibilidade cara o mundo das artes.
 En 1856 marcha para Madrid. As razóns que se deron para explicar esta viaxe
foron moitas (quizais quería ser actriz, ampliar os seus horizontes como
escritora, podería ir resolver un preito familiar, pode que procurase o
matrimonio ou, simplemente, cambiar de aires e escapar do ambiente
provinciano compostelán).
 En 1857 publica o seu primeiro poemario, La flor, que suscita unha reseña de
Murguía no xornal El museo universal4. Nesta reseña dá a impresión de que
Murguía sabe máis de Rosalía do que se pode deducir polos seus versos.

1
En Rosalía, peza teatral de Otero Pedrayo, descríbense as circunstancias negativas que acompañan a
Rosalía xa desde o seu nacemento.
2
En O señorito da Reboraina e Os camiños da vida de Otero Pedrayo descríbese cal é a educación que
reciben as rapazas fidalgas.
3
De feito, considérase que é Rosalía quen explica mellor ca ninguén o sentimento da saudade en “Unha
vez tiven un cravo”.
4
Xornal que posteriormente dirixiría Bécquer, a quen Rosalía coñecería, e no que aparecería en 1861 o
seu primeiro poema en galego: “Adiós, ríos; adiós, fontes”

1
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

 En o 10 de outubro de 1858 casa con Murguía na Igrexa de San Ildefonso.


 De 1858 a 1870 Rosalía está fóra de Galiza (Alacante, Estremadura...), xa que
Murguía pertencía á clase dos cesantes, é dicir, persoas que segundo cal fose o
goberno tiñan ou non traballo. Isto resúltalle insoportábel a Rosalía
(contraposición da paisaxe galega e a castelá) e ademais vive momentos
difíciles: mórrenlle dous dos seus sete fillos, empeora a súa saúde e tamén as
súa relación con Murguía que, se ben é clave na súa vida por sen quen a incita
a escribir, parece que lle facía menos caso do que ela necesitaba (segundo se
reflicte nalgunha das cartas que ela lle escribe).
 En 1870 volve a Galiza e en 1880 publicaría Follas Novas. Morre na Casa da
Matanza en 1885 e antes pide ver o mar e que lle queimen tódolos seus
escritos. Segundo Murguía queimaríanse Romana, Cuento estraño e Historia
de mi abuelo.
 É enterrada no cemiterio de Adina e en 1891 os seus restos serían trasladados
ao Panteón de Galegos Ilustres de Compostela, traslado non exento de
polémica: o bispo de Compostela, García Cuesta, fixo todo o posíbel para que a
xente non acudise ao recibimento dos restos. Ramón Cabanillas, que entón tiña
9 ou 10 anos e estaba no seminario, escapa, logra ver o recibimento dos restos
de Rosalía e deixaría unha pequena crónica deste feito (el tamén descansaría
máis tarde en San Domingos de Bonaval).

3. Cantares Gallegos (1863)


3.1. Dedicatoria
Rosalía dedícalle o libro a Cecilia Böhl de Faber5 (Fernán Caballero),
por dúas razóns:
a) Ser muller e escribir.
b) Por ver aos galegos desde unha perspectiva non tópica, como adoitan facer a
maioría dos escritores españois.

3.2. Edicións
a) Primeira edición (17 de maio de 18636):
 Imprenta Juan Compañel, Vigo.
 31 poemas.
b) Segunda edición (1872):
 É a edición testamentaria, é dicir, a derradeira publicada en vida do
autor.
 Leocadio López.
 Catro poemas máis: “Miña santiña”, “Díxome nantronte o cura”, “¿Que
ten o mozo?” e “Si a vernos, Marica, nantronte viñeras”.
Podemos dicir, polo tanto, que Cantares Gallegos está composto por 35
poemas. Porén, a veces dise que son 36 porque no poema “A gaita gallega” Rosalía
contesta a outro de Ventura Ruíz Aguilera que tamén se inclúe nas dúas primeiras
edicións. É dicir, son 35 poemas de Rosalía e outro doutro autor.

3.3. Influencia de Murguía


Murguía estivo detrás da elaboración de Cantares Gallegos, proba diso é:
5
Autora de obras coma La gaviota.
6
Ese día é o aniversario de Murguía, quizais Cantes Gallegos sexa un homenaxe a el.

2
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

a) Un artigo no que afirma que incitou a Rosalía a que escribise e a convenceu


de publicar o libro, aínda que ela quería que saíse á luz co nome do seu
marido.
b) En Los precursores (1886) Murguía di que Rosalía se ve obrigada a escribir
porque parte da obra xa estaba na imprenta. Ademais di que escribe moi axiña
(compón “Conto de vidal” dunha vez).
c) No índice da primeira edición hai un glosario de 208 termos, que serían 247
na segunda, asinado coa letra M., polo que deducimos que foi elaborado por
Murguía. Isto amosa o empeño de facer comprensíbel a obra (até 1867 non se
publicaría o primeiro dicionario de galego), escrita tomando como base a fala
da zona de Compostela e Padrón, xa que Murguía era consciente de que a obra
literaria era un medio de adoutrinamento.
Este interese de Murguía pode deberse a que estaba superando o
7
provincialismo e achegándose ao rexionalismo. Así, necesitaba un apoio literario
para explicar o sentido da nación.

3.4. Limiar
O de Cantares Gallegos é un limiar que ilumina todo o que vén despois.
Rosalía vese obrigada a facelo porque o que ía ser o prologuista da obra, Nicomedes
Pastor Díaz8, morre uns meses antes da publicación da mesma. No prólogo de
Cantares Gallegos Rosalía apunta unha serie de ideas:
a) Desexo de cantar á paisaxe e aos paisanos: contrapón a paisaxe galega coa
de outras terras que ela coñece. Neste senso é un tanto maniqueísta e ten
prexuízos a respecto de Castela. Para ela o emigrado odia a paisaxe da terra
na que está. Por outra banda, non canta a todo o pobo, só ao rural.
b) A obra coma unha reacción ante unha aldraxe: é unha reacción semellante á
do Cura de Fruíme ou á de Fernández de Castro en El búho gallego. Ao final
do limiar alégrase da aldraxe de Francia a España, para que España vexa que
ela tamén comete a mesma inxustiza con Galiza.
c) Defensa do idioma galego: defende9 que é apto para a versificación (isto
obsérvase mellor en Follas Novas, onde expresa toa unha filosofía en galego)
e reacciona ante a inxustiza de mofarse do galego. Ten conciencia da
diglosia e, aínda que lle chama dialecto á lingua, non debemos considerar que
isto sexa pexorativo.
d) Explicación do que é Cantares Gallegos: alude ao intimismo, a paisaxe, os
costumes, é todo un mundo o que está dentro de Cantares Gallegos.
e) É consciente da necesidade dunha institución que vele pola supervivencia
da lingua, o que é unha constante en todo o século XIX (Francisco A. de
Novoa, Curros). Rosalía defende a única ferramenta lingüística que ten: a
lingua popular.

3.5. Método compositivo

7
O provincialismo busca o recoñecemento das peculiaridades de Galiza por parte do poder central.
8
Sabemos que a intención de Murguía era que o prólogo de Nicomedes Pastor Díaz defendese o
provincialismo.
9
Outras defensas emblemáticas da lingua están no limiar da Gramática de Saco y Arce ou no discurso
que Murguía le na RAG.

3
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

Cantares Gallegos é un libro de motivación folk seguindo o modelo do


Libro de los cantares (1852) de Antonio de Trueba, quen colle unha copla popular
e monta sobre ela unha composición. Rosalía leva a cabo dous procedementos:
a) Paráfrase: dálle voltas a un mesmo motivo.
b) A partir dunha copla desenvolve o argumento do poema. Xeralmente a copla
está ao comezo, pero tamén pode aparecer noutros lugares.
Noutros casos non se usa a copla, senón frases paremiolóxicas, é dicir, refráns,
proverbios ou sentenzas (“donde moitos cospen lama fan”).

3.6. Estrutura
Rosalía establece unha pauta narrativa segundo a cal a estrutura sería
fechada:
a) No primeiro poema faise unha invitación a unha rapaza para que cante (“has
de cantar”) e esta manifesta a súa intención (“cantar hei”) de cantar.
b) No último poema a rapaza manifesta que cantou(“eu cantar, cantar, cantéi”).
Porén, a voz poética non é esa rapaza durante toda a obra, polo que se
rompe esa estrutura fechada.

3.7. Temática
A) Poemas costumistas: non debemos considerar o termo costumista cun matiz
pexorativo, este poemas son aqueles que reflicten algún costume, algún
elemento da etnografía galega10. Algúns exemplos son:
 “Nosa Señora da Barca”: ten trazos autobiográficos xa que Rosalía acode
coa irmá de Pondal á romaría da Virxe da Barca o 8 de setembro de 1853.
 “Si a vernos, Marica, nantronte viñeras”: descrición dunha romaría que
tamén é encontro de amantes11. Nas dúas primeiras partes unha persoa
cóntalle a outra como foi a romaría, e na terceira hai unha certa crítica a
unha muller de clase social alta.
 “Fun un domingo ó muíño”: é un poema con copla ao final no que se
describe o muíño12 como lugar de encontro de amantes (sen matiz
erótico).
 “Eu ben vin estar o moucho”: ten como alicerce o mundo da superstición.
Aínda que as aves rapaces son consideradas positivamente, refírese ao
moucho que vixía.
 “Un repoludo gaiteiro”: é o segundo gaiteiro13 da nosa literatura,
presentado coma un don Xoán que se sirve do seu instrumento para
conquistar as rapazas. Na última estrofa cambia o refrán para recalcar a
mensaxe de que as rapazas non vaian ao gaiteiro, dáse a entender que se
sofren por el a culpa é delas por ir xunto del.
 “Acó no currunchiño máis hermoso”: é tamén coñecido como “A
traxedia de Vidal”. Está composto por oitavas reais, unha estrofa culta que
difire da do resto dos poemas. Trata o costume de dar a proba do porco na
matanza: a Vidal ninguén lla dá e cando el pode matar un porco ten
10
Case tódolos poetas escriben nalgún momento unha composición deste tipo, até o mesmo Curros
(“Unha voda en Einibó”)
11
Pode lembrar a “A Béldrica” de Alberto Camino e a certas cantigas de amigo (de romaría).
12
Isto tamén o fai Añón en “A Pantasma”. En A casamenteira cítase tamén o muíño como lugar de
reunión dos amantes.
13
Lembremos que o primeiro é o de “A Gaita Gallega” de Pintos, un gaiteiro didáctico, un mestre.

4
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

intención de darlles a proba a aqueles que lla deran a el, pero non ten a quen
lla dar.
 “San Antonio Bendito”: é quizais o mellor poema de tódolos costumistas.
Parte dunha copla popular e reflicte o cambio psicolóxico dunha moza
que lle pide a San Antonio un home. Ao principio válelle calquera, pero
despois soña cun amor imposíbel, quizais pensando en alguén, un don
Xoán. Finalmente enumera o que ela pode aportar ao matrimonio: só cargas,
e faille de novo a petición ao santo.
B) Poemas amorosos: son poemas cuxo eu lírico son personaxes populares, nunca
a autora (heterónimos, coma no caso de Pessoa ou Machado) e expresan un
amor vehemente que case sempre leva á frustración. Exemplos:
 “Cantan os galos pra o día”: é unha alborada cuxa estrutura é a de copla
popular + desenvolvemento. Hai unha idealización do amor, un amor que
leva á frustración (separación á mañá) e unha certa picaresca e ironía.
 “Díxome nantronte o cura”: monólogo no que se debate se algo é ou non
pecado, xogando coa moralidade relixiosa. Exprésase un amor frustrado
e, coma no caso anterior, hai unha certa picaresca.
 “Quíxente tanto meniña”: home que sofre mal de amores por un
abandono.
 “Cando a luíña aparece”: poema monologado no que un suxeito lírico
feminino expresa unha desolación e frustración total. Sitúase no solpor,
momento que incita á reflexión e hai unha descrición romántica da
paisaxe e logo un laio.
 “Meniña ti a máis hermosa”: dous monólogos (home que se dirixe á
rapaza e contestación desta, que di querer estar soa). Anuncia a soidade e
mesmo a saudade de Follas Novas. Na copla popular noméase un paxaro, a
rula, que é símbolo da muller abandonada en Rosalía. Tamén se fai
alusión ao nacemento de Venus.

C) Poemas intimistas:
expresión dun sentimento no que o eu lírico ten trazos
biográficos da propia Rosalía (xeografía, referencia á Casa de Arretén no
segundo...)
 “Campanas de Bastabales” Intimistas en senso estrito
 “Como chove miúdiño”
 “Adiós ríos, adiós fontes”
 “Airiños, airiños, aires” Socio - intimistas

D) Poemas social – patrióticos:


defensa da patria e denuncia. É unha poesía afastada
dos xogos estéticos dos poemas amorosos e supón o inicio dunha poesía
reivindicativa que se chega até os nosos días (Curros, Lamas Carvajal,
Cabanillas. C. Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín...)
 “Airiños, airiños aires”: laio dun emigrante que ten saudade da terra e
desexa volver a ela. Conxuga intimismo e denuncia social.

 “Adiós, ríos; adiós, fontes”: é o primeiro poema que Rosalía escribe en


galego (24 de novembro de 1861, publicado en El Museo Universal14) e
conxuga intimismo + social – patriotismo:

14
Xornal que sería dirixido por Bécquer.

5
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

 Intimismo: é o laio sostido dun emigrante que se despide da terra sen


esperanza de volver.
 Denuncia social: alúdese á pobreza que obriga a emigrar (“a miña
terra n’é miña”  alusión ao foro).
 Outros trazos: paisaxismo, relixiosidade, fatalismo, desesperanza...
 “Castellana de Castilla”: é o laio dun mozo galego que é rexeitado por
unha moza castelá e que supón o primeiro alegato simbólico contra
Castela (Galiza vs. Castela).
 “Castellanos de Castilla”: muller que, trala morte do seu mozo en terras
castelás, impreca a Castela. É un dos poemas máis criticados de Rosalía, ao
que se referiron Unamuno ou Madariaga. Este último apunta que Rosalía
enfoca mal o problema xa que para ela a conflitividade xorde do choque
entre dúas razas, a galega e a castelá (enfoque maniqueísta); porén o
conflito é entre patrón e xornaleiro. Xa que o galego é pobre ten que ir
buscar o sustento fóra, de aí a imaxe de farrapento (que non ten, por
exemplo, o catalán).
 “A gaita gallega”: contestación ao poema de Ventura Ruiz Aguilera “La
gaita gallega. Eco nacional” (1860) no que se gaba a Galiza, pero tamén
se menciona a negativa realidade social. A resposta de Rosalía achega
unha visión máis pesimista desta realidade social: “quisáis, cansada e
sedenta,/ quisáis que de angustias morra”; ao refrán de Ruiz Aguilera “que
no sé deciros/ si canta o si llora” Rosalía responde “que eu podo decirche:/
non canta, que chora.” Por outra banda, obsérvase tamén un certo
panteísmo (“Ó mar esperanzas pides,/ de Dios a esperanza imploras.”) que
lembra á “Égloga de Belmiro e Benigno” de Nicomedes Pastor Díaz.
 “Pasa, río, pasa, río”:
 Crítica social referente á problemática da emigración, que neste caso
impide o amor15 (subtema ou tema – marco). A voz lírica feminina
lembra ao seu mozo que está lonxe.
 Coincidencia coas funcións poeméticas da natureza da lírica
medieval (aínda que Rosalía non a coñecía) xa que o río:
- Ten a función de escenario.
- Ten a función de interlocutor.
- É símbolo do amado.
- É un elemento de comunicación entre os amantes (bágoas da
rapaza que caen ao río → mar → América).

E) Outros poemas: parece que van desenvolver unha denuncia social, pero tórnanse
costumistas. Este é o caso de:
 “Deus bendiga todo nena”: encontro dunha rapaza cunha mendiga:
 Denuncia: situación da muller.
 Desenvolvemento costumista: a rapaza fica marabillada perante a
vida e a conduta da mendiga, á que considera unha sabia. Isto fai que
esvaeza a denuncia social como tema principal do poema.

15
Isto reflíctese na copla coa que acaba o poema: “Si o mar tivera barandas,/ fórate ver ao Brasil;/ mais
o mar non ten barandas,/ amor meu, ¿Por dónde hei de ir?”

6
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

 “Ora, meu meniño, ora”:


 Denuncia: neno que está só e pasando fame porque os seus pais están
traballando. Unha veciña, Rosa, contémplao sen lle poder dar de comer.
 Desenvolvemento costumista: descríbese a miseria sen crítica, sen
revelarse contra ela (Rosalía, ao contrario ca Curros, considera a
división entre ricos e pobres algo “normal”). A solución ao problema é
a intervención da Virxe para que o meniño non morra de fame (Deus
ex machina16)

3.8. Lingua
O trazo máis representativo é a grande profusión de diminutivos, como
acontece na “Alborada” de Nicomedes Pastor Díaz. Son diminutivos de carácter
emotivo e afectivo.

3.9. Métrica
En consonancia co uso frecuente de coplas populares, os versos son de
arte menor, o que proporciona unha aparencia popular. Porén, “A traxedia de
Vidal” está escrita en oitavas reais, é a única composición na que Rosalía usa unha
estrofa culta.

3.10. Conclusións
Así como Sempre en Galiza foi definido coma a Biblia do galeguismo,
Cantares Gallegos foi definido coma a Biblia da galeguidade. Porén, só representa
unha parte de Galiza, xa que non se menciona o mundo mariñeiro nin a sociedade
industrial que estaba a emerxer, só aparece unha Galiza labrega, moitas veces
idealizada. Segundo Murguía, a autora pretendía abranguer tódalas realidades que
compoñían Galiza pero non o fai por limitacións do editor.
Con todo, Cantares Gallegos é o primeiro grande libro en galego e
Rosalía a primeira grande intérprete que tivo Galiza, ademais de ser a primeira gran
defensa de Galiza, a primeira reflexión poética sobre o país. Con Cantares
Gallegos inaugúrase a literatura galega moderna.
Ademais, foi un libro moi popular porque o pobo galego se viu
reflectido nel, contribuíndo así á recuperación do sentido da propia dignidade.

4. Follas Novas (1880)


4.1. Introdución
O ano no que se publica esta obra, 1880, é un ano de grande importancia
para a nosa literatura, xa que tamén se publica a grande obra de Curros, Aires da
miña terra, e outras coma Saudades gallegas de Valentín Lamas Carvajal ou
Maxina de Marcial Valladares (que, se ben non ten unha grande calidade, é a
primeira novela en galego).

Follas Novas conta cun limiar de Emilio Castelar, importante intelectual


que escribe este limiar nun momento no que intelectuais galegos, coma Emilia Pardo
Bazán, e casteláns lle atribúen unha morea de características negativas a Galiza e ao
16
Expresión coa que se denomina un recurso usado desde a Antigüidade consistente en que haxa unha
intervención dos deuses cando non é posíbel que un problema sexa solucionado polos humanos.

7
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

galego. Ten tamén un limiar da propia Rosalía, moi breve, titulado “Dúas palabras
da autora” que, coma no caso de Cantares Gallegos, é un anuncio do contido do
libro.

Hai unha contradición entre o título, que nos fai esperar composicións
frescas e ledas, e o contido, sumamente pesimista. En relación a isto hai poemas
autoestéticos17 coma “Follas Novas, risa dáme” nos que se explica esta contradición.
Ao comezo do limiar de Rosalía dise que os versos foron escritos dez
anos antes. De feito, foron escritos en Simancas (cando Murguía era director do
Arquivo Histórico Nacional sito nesta vila) entre 1870 e 1871, versos que reflicten a
negrura da súa vida e o debilitamento da súa saúde.

4.2. Limiar: “Dúas palabras da autora”


Neste prólogo observamos trazos que definen toda a obra:
a) Sentimentalidade e perspectiva feminina.
b) As dúas liñas máis importantes son a intimista e a social:
 Intimismo: é u n intimismo no que moitas veces a autora se ve como unha
persoa interposta, é dicir, como voceira das penas alleas.
 Critica social: é, como diría Sartre, unha poeta engagé, que non pode ser
allea ao seu tempo e ao que a rodea. É unha poeta solitaria e solidaria.
Ademais tamén denuncia o sufrimento da muller.
No penúltimo parágrafo do limiar Rosalía trata cuestións extratextuais:
a) Dinos que escribe este libro por e para os labregos, aínda que estes tardarán
en lelo.
b) Amosa tamén un prexuízo lingüístico, considerando que o galego pode valer
para a poesía pero non para outros xéneros (ensaio...)
c) Di que non volverá escribir en galego. De feito é así xa que en En las orillas
del Sar mantén a temática de Follas Novas, pero abandona o galego.
Hai outra razón que a pode levar a abandonar o galego: o 28/03/1881 e o
04/04/1881 publica no xornal madrileño El Imparcial o artigo “Costumbres
gallegas” (neste xornal publicaban artigos costumistas sobre Galiza moitos galegos
residentes en Madrid). Neste artigo describe a paisaxe e as xentes da montaña e do
mar. Na descrición das xentes do mar fala dun costume segundo o cal os mariñeiros
que chegan ás vilas da costa galega e quedan a durmir nalgunha casa teñen dereito a
deitarse con algunha das mulleres desa casa. Isto é algo que non está documentado
en ningures é que provoca unha grande polémica que fai que ela non queira referirse
máis a Galiza nin aos galegos, como así o expresa nunha carta enviada a Murguía
desde Lestrove o 26/07/1881.

4.3. Influencias en canto aos modelos compositivos


A diferenza do caso de Cantares Gallegos, Rosalía non cita
explicitamente ningunha influencia. Con todo, podemos percibir algunhas:

17
Son aqueles poemas nos que @ autor(a) explica o que entende por poesía e que tipo de poesía quere
facer.

8
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

A) Bécquer18: segundo Carvalho Calero a súa influencia é innegábel. O certo é


que a estrutura que seguen as súas Rimas (1868), breves e intensas, é moi
semellante á dalgúns poemas de Follas Novas e tamén en En las orillas del Sar.
B) H. Heine: o método compositivo usado por Bécquer é orixinal deste autor
alemán que elabora composicións de autor con aparencia popular e moita
carga emocional (“laio xermánico”). De xeito que directa ou indirectamente (a
través de Bécquer ou outros autores) Heine inflúe en Rosalía.
Neste senso, Azorín fala do contraste entre a poesía de Rosalía e a que
se facía naquel momento en España, efectista e enfática.

4.4. Temática intimista

A) Soidade: é un dos primeiros sentimentos que se manifestan nesa viaxe da autora


cara o cerne do ser. Síntese soa no mundo e para ela a soidade é unha
condición, non un estado, condición da que nada nin ninguén a pode librar. Este
sentimento reflíctese en poemas coma os seguintes:
 “Cada noite eu chorando pensaba”: parte dunha imaxe concreta para
entrar no abstracto. É comparábel, neste senso, ao portugués Antero de
Quental.
 “Algúns din, ¡Miña Terra!”: idea da afectividade e de que non hai nada
que a una ao mundo.

B) Saudade: a saudade é un sentimento universal, causa de tristura, unha


tristura por algo que moitas veces non se sabe o que é. Escribiuse moito sobre
este sentimento, mais é posibelmente o poema “Unha vez tiven un cravo” de
Follas Novas o que mellor a defina19.
C) Dor: a dor é algo inseparábel do ser humano e non hai forma de curala.
Rosalía reflíctea en poemas coma “Teño un mal que non ten cura”. Con todo,
a autora tamén intenta buscar saídas a esta dor:
 Fuxida ao inanimado: xa se daba na literatura medieval e reflíctese en
poemas coma “¿Quen fora pedra?”20, ambientado na catedral e cuxa
mensaxe é que as os homes morren, pero as pedras quedan.
 Onde?: é unha fuxida non se sabe moi ben cara onde. Exemplo:
“Quérome ire”, poema no que dá a entender que esa fuxida é
imperfecta.
 A morte como liberación: é un sentimento católico (a vida coma algo
transitorio e a morte como liberación). Tamén ve a morte como liberación
para unha vida de miserias. Exemplos: “¿Por qué Dios piadoso”;
“Sempre morte esperas pola”.
 Suicidio:

18
Bécquer era amigo de Murguía e é posíbel que coñecese a Rosalía (especialmente trala revolución de
1868, cando Murguía e Rosalía pasan moitas tempadas en Madrid), aínda que isto non está
documentado. Ademais dirixiu o xornal El Museo Universal (pero aínda non o dirixía cando Rosalía
publica nel “Adiós, ríos; adiós, fontes”)
19
A primeira vez que aparece o concepto de saudade na literatura galega é na obra de Sarmiento. Por
outra banda, vintetrés anos despois da publicación de Follas Novas Antonio Machado publicaría, no
seu libro Soledades, un poema que lembra moito a este de Rosalía: “Yo voy soñando caminos”
20
O título deste poema é, en realidade, “Amigos vellos” (é un dos poucos poemas con título), pero é
máis coñecido por “¿Quen fora pedra?”

9
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

 Defensa: en poemas coma “Co seu xordo e constante mormurio”


(imaxe do río que morre no mar, mito das sereas de Ulises) ou
“¡Soia!” (poema narrativo no que aparece o corvo como símbolo
negativo).
 Rexeitamento: “As Torres do Oeste”, poema narrativo no que unha
muller intenta suicidarse pero é rescatada por un mariñeiro. Remata
recomendándolle ao lector que nunca vaia ás Torres do Oeste co
“corazón negro”. Hai unha descrición da paisaxe que reflicte os
sentimentos do eu lírico e, de novo, aparece o corvo como símbolo
negativo.
D) Medo á felicidade (complexo de Polícrates21): podemos observalo en poemas
coma “A aventura é traidora” ou “Cando un é moi dichoso”.
E) Sentido da escrita: son moitos os escritores que se preguntan por qué e para
qué escriben e aos que lles preocupa como se xulgará a súa obra trala súa morte.
Estas cuestións provocan sufrimento en Rosalía e respostas ambiguas,
contraditorias. Podemos observar isto en poemas coma:
 “¡Silencio!”: está próximo á inefalibidade22 (querer expresar algo e non
atopar palabras).
 “Ben sei que non hai nada”: a literatura coma a eterna repetición das
mesmas cousas.

4.4.1. Rosalía e a relixión

A) Fe e ausencia de fe: é un tema conflitivo en Rosalía, xa que nalgunhas


composicións pode amosar unha firme crenza no Deus cristián e noutras a
ausencia de fe:
 “Na Catedral”: poema ambientado dentro da Catedral de Santiago, cheo de
visións fantasmagóricas, no que se fala da angustia e se pide unha solución.
Malia chegar a poñer en dúbida se rezar serve de algo, é unha composición na
que está latente a fe. En certo modo tamén reflicte a relixiosidade popular.
 “Cada noite eu chorando pensaba”; “A un batido outro batido”: maniféstase
a ausencia de fe.
B) Que hai despois da morte? É tamén un tema no que se amosan na obra de
Rosalía posicións contraditorias:
 Por unha banda está presenten a ortodoxia católica, un Deus que premia aos
“bos” trala morte e castiga aos “malos”.
 “Estranxeira na súa patria”: neste poema amosa un achegamento á tradición
precristiá, o eu lírico ve pasar ao seu carón espectros que seguen estando ao seu
carón e inflúen na vida dos vivos.
C) O silencio de Deus: é un tema eterno na poesía (se Deus é infinitamente
poderoso, sabio e bo, por que consinte o mal no mundo?)

21
Rof Carballo fala do complexo de Polícrates. Polícrates era un rei da Ática moi feliz, tanto que temeu
anoxar aos deuses coa súa felicidade. Entón tira un anel ao mar, anel que traga un peixe. Este peixe é
pescado por un mariñeiro, o anel volve a terra e desde entón a vida de Polícrates estará chea de
desgrazas até a súa morte a mans do rei persa Darío.
22
Dáse moito nos místicos (Santa Teresa, San Juan de la Cruz) e tamén é o caso de Sánchez Ferlosio,
autor de El Jarama, que pasa unha morea de anos sen escribir, segundo el, porque non atopa palabras
para expresar o que quere.

10
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

 “¿Por qué?”: dáse por sentado que hai un Deus, pero un Deus que consiste a
inxustiza.
 “Tembra un neno no húmido pórtico”23: hai unha aceptación implícita de que
ten que haber pobres e ricos, pero tamén críticas a estes últimos e
interrogacións a Deus que permite unha situación de miseria.
 “Soberba”:
- Morfoloxía dramática, descríbese unha pequena escena na que:
~ O escenario é interior (cuarto da casa) pero tamén hai un reflexo do
que acontece no exterior, da chegada da tormenta.
~ Voces:
* 1ª voz: dous últimos versos da 2ª estrofa, nos que o eu lírico se
dirixe a alguén.
* 2ª voz: dous primeiros versos da 6ª estrofa, nos que o eu lírico é
un coro anónimo.
* 3ª voz: dous últimos versos da 6ª estrofa, e estrofas 9, 10 e 11,
nas que se reflicte un antagonista.
- Loita entre dúas forzas que están por riba dos protagonistas:
~ Natureza (raios, ondas do mar...)
~ Mundo da moral católica (pecado, trisaxio...)
- A nai identifica as manifestacións da natureza coa vontade divina por causa
da soberbia do fillo. Neste senso non se amosa superstición de ningún tipo,
mais na 4ª estrofa hai unha frase que nos remite á superstición popular:
“Nove follas d’olivo queimemos”.
- Con todo, o poema non é quen de reconciliar a vontade divina co mundo da
natureza, polo que o poema non ten conclusións mais si remata cunha
solución enxeñosa (“- ¡Pagas ti; morrend’ela,/ di, ¿con que te manterei?”).
Aínda que Rosalía presenta unha certa conflitividade perante a relixión,
non hai unha confrontación total coa fe como pode acontecer en Curros en poemas
coma “Nocturnio” de Aires da Miña Terra.

4.4.2. A “sombra” e as “sombras”

Os moitos estudos dedicados a este tema non chegan a unha conclusión


definitiva, só coinciden en que se refire a un problema existencial, pero á vez
enigmático. Con todo, adoitan darse as seguintes interpretacións:
a) A sombra (en singular) pode referirse a:
 Unha fantasma do pasado, un pesadelo que retorna.
 A dor universal, que é inseparábel da condición humana.
 A morte, presente en tódolos momentos da vida (imaxe da espada de
Damocles).
b) As sombras (en plural) interprétanse con máis unanimidade, xa que adoita dicirse
que se refiren a un pasado tormentos que magoa o eu poético (o que lembra á
primeira interpretación da sombra).
Exemplos de poemas ligados ao concepto da sombra son:
1) “Santa Escolástica” (En las orillas del Sar, 1884): poema no que se fai un
percorrido por Compostela até chegar a San Martiño Pinario, onde está o conxunto

23
O ano de 1853 é un ano de fame. Murguía en Los precursores fala dun ignotus, un descoñecido, un
neno que no ano da fame toca o violín e entra nos salóns frecuentados polos ricos en Compostela. Este
poema pode ser unha lembranza deste feito e tamén algún poema de En las orillas del Sal.

11
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

escultórico Santa Escolástica. É un poema alucinatorio no que se aprecian todas


as interpretacións da sombra.
2) “¡Mar!, cas túas auguas sin fondo,”:
I. Na primeira estrofa hai unha súplica a elementos da natureza (panteísmo)
para afastarse do fantasma que a magoa e nas posteriores defínese esa
fantasma, omnipresente, que adopta diferentes formas, e que é unha fantasma
do pasado que lembra á sombra.
II. Hai unha oscilación entre o real e o simbólico, algo moi frecuente en Rosalía.
Ademais fálase dese pasado tormentoso (“memoria do pasado”).
III. Apreciamos anáforas (“i eres”, “i es”), similicadencias (aparición dun
mesmo lexema con diferentes sufixos: “choran”, “choras”) ou paranomasia
(similitude fónica entre palabras de significado diferente: “pra min i en min
mesma moras”). Non sabemos se esa fantasma do pasado é a lembranza de
algo concreto ou non.

4.4.2.1. Fontes de inspiración de “Negra sombra” (“Cando penso que te fuches”)

a) Remotas: poemas de Nicomedes Pastor Díaz coma “La mariposa negra”,


que parte da imaxe dunha bolboreta arredor dunha luz, ou “Una voz”, poema
romántico no que a sombra está omnipresente. Rosalía tivo que ler estes
poemas xa que Pastor Díaz ía prologar Cantares Gallegos, polo tanto
coñecíao.
b) Próximas: o poema “El murmullo de las olas” de Aurelio Aguirre (1833 -
1858), a quen Rosalía coñecera no Liceo de la Juventud. En especial na
terceira estrofa deste poema aprécianse trazos que tomará Rosalía:
 Metro e rima.
 Oscilación entre o concreto e o abstracto.
 Figuras coma a anáfora, a paranomasia ou a semilidacencia.
 Omnipresencia da sombra.

4.5. Temática social


Aínda que a temática intimista é a que domina Follas Novas, tamén
podemos atopar poemas de denuncia social que seguen a liña de Cantares Gallegos.
Nestes poemas:
A) O eu poético actúa como voceiro das miserias do pobo galego, é un intimismo
identificativo ou interposto.
B) A nota sentimental está sempre presente.
C) A perspectiva feminina é a que domina na maioría das composicións24.
D) Tratan dous temas:
1) Opresión, miseria: Rosalía entende que a sociedade está necesariamente
dividida entre pobres e ricos, mais isto non lle impide revelarse contra este

24
Isto xa se anuncia no limiar “Dúas palabras da autora”: “mais o que me conmoveu sempre, e polo
tanto non podía deixar de ter un lugar na miña poesía, foron as inumerables coitas das nosas
mulleres: criaturas amantes para os seus i os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo
como brandas de corazón e tamén tan desdichadas que se dixeran nadas solasmentes para rexer
cantas fatigas podían afrixir, a parte máis froxa e inxel da humanidade. No campo compartindo mitade
por mitade cos seus homes as rudas faenas, na casa soportando valerosamente as ansias da
maternidade, os traballos domésticos e as arideces da pobreza. Soias o máis do tempo, tendo que
traballar de sol a sol e sin axuda pra mal manterse, para manter os seus fillos, e quisais o pai
valentudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca reposo se non na tomba.”

12
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

feito. As solucións que dá son a veces eclécticas, mais outras son violentas.
Exemplos:
 “Para uns,negro,”, poema narrativo que consta de tres partes:
I. Na primeira estrofa un pai a piques de morrer dálle consellos
contrarios á moral católica aos seu fillo. Na segunda
resúmese o anterior e engádese unha nota social: o fillo herda
tamén a miseria do pai.
II. Na primeira estrofa unha nai a piques de morrer dálle
consellos ao seu fillo, consellos que seguen a moral católica.
Na segunda explícase como esa muller morre na miseria.
III. Hai unha crítica, consciente ou non, ao poder da Igrexa
(“crego non houbo ó rededor que á probe/ o enterro de
limosna lle cantara.”) e remata o fillo dando unha solución
ecléctica (vingará a quen lle fixo mal ao pai e faralle ben a
quen tamén lle fixo ben á nai).
 “A xusticia pola man”, un dos grandes poemas da literatura galega.
Os seus trazos máis importantes son:
 Amósase unha situación inxusta botando man do contraste: “sin
lar, nin abrigo, moréi nas curtiñas;/ ó raso cas lebres dormín nas
campías;” vs. “i en tanto, os raposos de sangre maldita,/
tranquilos nun leito de rosas dormían.”
 A voz poética pídelle axuda á xustiza dos homes e a Deus, mais
é ignorada.
 O eu poético leva a cabo, premeditadamente, un asasinato25 para
que se faga xustiza, mesmo se recrea tralo asasinato (“I ó lado,
contenta, ...”).
 Inclúense notas irónicas: “Aqués que ten fama de honrados na
vila”, “tan alto que estaba, bon Dios non me oía” (de novo
aparece o motivo do silencio de Deus).
 No verso 5º da 2ª estrofa aparece a palabra loba sen connotacións
negativas26.
2) Emigración: Rosalía oponse á emigración, para ela é mellor estar mal en
Galiza cá ir a unha terra allea.
 Case todos os poemas relacionados con este tema están no Libro V.
As viudas dos vivos e as viudas dos mortos.
 Recorre á paisaxe e ás xentes para atacar a emigración.
 Na maioría dos poemas o eu lírico é feminino.
 Hai unha especial presenza da emigración a América, que para
Rosalía é igual á tumba. Neste caso é realista xa que os galegos eran
man de obra barata que en lugares coma Cuba podían vivir mesmo
peor cós escravos. Os intermediarios eran os únicos que se
beneficiaban disto27.
 Exemplos:

25
Por esta razón Alonso Montero falará de Rosalía coma a “poeta da violencia”. Esta solución violenta
tamén a dá Cabanillas no poema “Matemos tódolos galos negros”, referíndose aos caciques.
26
En toda a literatura galega posterior o lobo é un símbolo negativo que se identificará co cacique, agás
no poema “Fábula do home e do lobo” de Longa noite de pedra.
27
En “O barco negreiro” de Os camiños da vida reflíctese esta situación.

13
3. Os grandes protagonistas do noso Rexurdimento I: Rosalía de Castro (1837 – 1885)

 “Tristes recordos”: poema posibelmente de corte


autobiográfico situado en Castela, onde o eu lírico describe
unha paisaxe castelá que a abafa pero escoita un alalá que lle
fai lembrar a paisaxe galega. Cando volve á realidade di ter que
marchar de Castela “leváronme para nela/ non me teren que
enterrar”.
 “¡Pra a Habana!”, poema dividido en cinco partes:
I. Parte narrativa na que se anuncia a que un mozo marcha á
Habana.
II. Visión fantasmagórica dos homes que marchan para a Habana.
III. Compaixón polas mulleres que fican soas.
IV. Danse azos ficticios para despois destruír toda esperanza de
volver.
V. Amósase claramente a perspectiva feminina.
 “Tecín soia a miña tea,”: poema cheo de sensibilidade, efecto
tráxico, patetismo. Hai unha repetición case anafórica da
palabra “soia” e na paisaxe reflíctese o estado de ánimo do eu
lírico (trazo romántico). Ademais aparecen o símbolo da rula
(muller abandonada) e da anduriña (vínculo).

4.6. Poemas costumistas


Esta é a liña predominante en Cantares gallegos, mais é minoritaria en
Follas novas. Existe a teoría de que os poemas costumistas de Follas novas puideron
ser escritos canda os de Cantares gallegos, mais non está fundamentada. Algúns
exemplos deste tipo de poema son:
a) “Xan”: ten un certo anti-feminismo, ademais a muller que aparece neste
poema contrasta doa de “Tecín soia a miña tea,”.
b) “Vamos bebendo”: poderiamos relacionalo en certo modo co poema da
leiteira que soñaba co que podería facer co que ía gañar.
c) “Decides que o matrimonio”: leve ataque ao matrimonio.
d) “Vivir para ver”: amor frustrado polas promesas incumpridas.
e) “ ‘É verdade que un pode”.

4.7. Lirismo subxectivo


Poemas aparentemente paisaxísticos que en realidade describen
vivencias aflixidas interiorizando a visión da paisaxe, sendo quizais
autobiográficos:
a) “San Lourenzo”, ambientado nun lugar que tradicionalmente ten certo
misterio.
b) “En Cornes”
c) “¡Calade!”

4.8. Outros poemas


A) “Na tumba de Sir John Moore”, unha das primeiras elexías patrióticas.
B) “O encanto da pedra chan”, poema filosófico que narra unha lenda fáustica
(alianza do home co demo).

14