Está en la página 1de 10

A HISTORIA EN ROMA

I. COMEZOS DA HISTORIOGRAFÍA ROMANA

A Historia como testemuño escrito aparece en Roma con certo atraso, case cinco séculos
despois da fundación da cidade (a. 754 a. C.). Non hai crónicas levadas regularmente ou
conmemoracións épicas anteriores ao 250, mentres que a historiografía grega tiña xa
acadado un elevado nivel.

Parece ser que, segundo Tito Livio (VI,1) e Diodoro de Sicilia, a destrución dos
arquivos e documentos anteriores á historia redactada como tal, explícase pola invasión
gala do 390-383. Téndese tamén a rexeitar toda lexislación escrita anterior ás Doce Táboas
(a. 450 a. C.). Tampouco Roma debeu manter ao día as listas dos maxistrados non sendo
baixo a República. As lagoas e interpolacións son numerosas: de aí a escuridade que rodea
aos testemuños antigos, como os anais relixiosos e os arquivos das grandes familias.

1. Os Annales Maximi.

Desde aproximadamente o ano 300 a. C. o gran Pontífice inscribía nunha táboa


branqueada (album), no foro, os acontecementos cotiáns. O marco subministrábao o
calendario relixioso ( fasti), onde o sobrenatural pagán ocupaba un importante lugar:
eclipses de lúa e prodixios diversos. O gran Pontífice redactaba tamén notas máis extensas,
non destinadas á publicación ( sesións do senado, embaixadas, episodios militares, etc...).

2. Os arquivos das grandes familias.

Desde a máis alta antigüidade as gentes romanas, émulos das grandes familias etruscas,
mantiveron a lembranza dos seus avós, patrimonio nacional e herdanza moral. As
tradicións orais son vigorizadas polas imagines, retratos da familia ou máis ben máscaras
de cera que se paseaban nos funerais.

A elocuencia funeraria permite tamén exaltar as fazañas dos antepasados e as virtudes


do defunto (cf. o eloxio de César na honra da súa tía Xulia, no que pon de manifesto a
orixe divina e real da familia). En cambio Cicerón censura ás grandes familias ao
monopolizar os "ornamentos e monumentos" da historia: os eloxios falsifican o pasado
romano.

Existía outra tradición oral, a das "cancións de mesa", de inspiración heroica, dedicadas
ao eloxio dos grandes homes. Parece que este xénero mantíñase vivo na época de Augusto:
Rómulo, Coriolano, os Horacios e os Curiáceos eran os heroes destes contos épicos.

Departamento de Latín - 1 -
3. A historia épica: Nevio e Ennio.

Nevio, oriúndo da Campania, combatera na primeira guerra púnica, dedicoulle a esta,


cara ao 220 a. C., unha epopea, o Bellum Punicum. Esta obra, reducida a fragmentos e
subdivididoa,máis tarde en sete libros, trataba con deleite a lenda troiana e mesturaba a
mitoloxía grega coa prehistoria romana.

Os Annales de Ennio son unha obra da vellez, escrita entre 180 e 169. Dos dezaoito
libros, once estaban rematados no 172. A crónica versificada de Ennio en hexámetros
dactílicos remóntase ás orixes troianas. Con vivas cores os Annales fan vibrar o
nacionalismo dun pobo novo, seguro do seu dereito e consciente da súa superioridade
moral. Despois del imponse a historiografía en prosa.

4. Analística romana.

Os pioneiros do xénero, Fabio Píctor e Cincio Alimento, homes de acción, escribían en


grego para evitar a acusación de barbarie. Remontábanse ata a fundación de Roma. Así
estableceuse unha distinción, codificada baixo Augusto polo gramático Verrio Flaco:
- Os Annales: crónica extensa sobre un número bastante grande de anos e que
segue o encadeamento dos feitos.
- As Historias: xénero especializado na época contemporánea.

Catón, ao final da súa vida, concibiu a historiografía como unha actividade de


recollemento..Escribe, nun estilo sobrio, unha historia patriótica (Origenes). Reacciona
contra o orgullo nobiliario presentando a "conquista romana" como a xesta colectiva do
pobo romano. Finalmente Catón lanza a moda de enxerir discursos amañados na crónica.

Despois de Catón, sucédense varias xeracións de analistas, que coñecemos grazas á


información subministrada por Cicerón e Veleio Patérculo. Os autores da chamada
analística media (Casio Hemina, Calpurnio Pisón, Xelio, Fannio e Sempronio Tudinato)
van desde a fin do século II ao primeiro cuarto do século I. Son todos homes de acción e
de guerra. Volven a un encadeamento analístico rigoroso e practican un estilo bastante
seco. Cicerón chámalles "secos cronistas (narratores), non escritores (exornatores).

A esta xeración vincúlase Celio Antípater (Bellum Punicum) e Sempronio Aselio


(Historias). O catálogo de Veleio menciona tamén os grandes nomes da analística
moderna: Rutilio Rufo, Sisena, Claudio Cuadrigario e Valerio Antias. Este último é a
fonte principal de Tito Livio e escribiu Annales en 75 libros, que van desde as orixes ata a
morte de Sila.

En resumo, hai certa tendencia a considerar a analística como unha crónica de


inspiración patricia: agora ben, predica a unión sagrada e a concordia. Se ben exalta a
"conquista romana" como unha acción patriótica, escoita tamén ás recriminacións do
pobo..

Departamento de
II. A HISTORIA E BIOGRAFÍA REPUBLICANAS

1. C. I. Caesar.

* Nacemento - morte: 102/100 - 44 (Idus de marzo).


* Obra literaria:
- De analogia.
- Anticatones.
- Iter.
- Edipo.

*Corpus Caesarianum:

1. C. I. Caesaris Commentarii rerum gestarum:


- De bello Gallico (VII).
- De bello ciuili (III).
- O libro VIII da Guerra das Galias, debido a Hircio.
2. Incorporacións tras a morte de César:
- De bello Alexandrino (Hircio).
- De bello Africano (autor descoñecido)
- De bello Hispaniensi (autor descoñecido).

2. C. Salustio Crispo

* Nacemento - morte: 87/86 - 35 a. C.


- Natural de Amiterno, en terra Sabina.
- Tribuno da plebe no 52: tomou partido contra Cicerón e Milón. Os censores
excluírono do senado no ano 50.
- César volveu a reintegralo como cuestor no 49.
- Desaparece da escena política romana tras o asasinato de César.

* Obra:
- De coniuratione Catilinae (63): debía ter unha información persoal.
- De bello Iugurthino (111-104): narra a longa loita de Roma contra Iugurta, rei
de Numidia.
- Historias (5 libros): narra os acontecementos que van desde o ano 78 ao 67.
- Dúbidas acerca da autenticidade de dúas das súas epístolas: Epistulae ad
Caesarem senem de re publica..

3. Cornelius Nepos

- Aproximadamente entre o 99 - 24 a. C. Orixinario da Alta Italia, foi autor de estudios


de historia. Catulo, que lle dedicou as súas poesías, fai referencia á súa Chronica, que
describía de xeito conxunto acontecementos gregos e romanos.
- Obra: a súa obra principal como biógrafo é De uiris illustribus, que constaba alomenos
de 16 libros e contiña breves biografías de romanos e gregos, reunidas por grupos. Só se
conserva o libro III, De excellentibus ducibus exterarum gentium e dúas biografías - Catón
e Ático - pertencentes ao libro De historicis latinis (XIV).
Departamento de
III. A HISTORIOGRAFÍA E BIOGRAFÍA NO ALTO IMPERIO

1. TITO LIVIO

1.1. OBRA.
Só coñecemos a Tito Livio -- nado no 64 ou 59 a. C. e morto no 12/17 d. C.-- pola súa
fundamental obra Ab Urbe Condita Libri, que comezou a escribir alá polo ano 30 a. C.
aproximadamente e que con toda probabilidade quedou inconclusa a súa morte. Trata da
historia de Roma desde as orixes (fundación de Roma, precedidas de algunhas páxinas
sobre a chegada de Eneas e Antenor a Italia) ata o ano 9 a. C. Esta historia constaba de
142 libros e chegounos dividida en grupos de 10 libros ou décadas, división esta non
debida a Livio probablemente. Só as décadas I, III, e IV, así como a primeira metade da V
(libros XLI - XLV), téñensenos conservado.

Desde moi cedo foi obxecto de abreviacións máis ou menos orixinais, particularmente
por parte de Floro (s. II), e o seu contido chegounos practicamente na súa totalidade (agás
136-137) por Periochae, resumos desiguais e mal compostos, redactados por un ou varios
abreviadores descoñecidos que contan o esencial de cada libro. A división en décadas está
cuestionada desde Petrarca, e desde o punto de vista do contido esperariamos mellor unha
división en cinco libros – péntadas –. Esta división tradicional e cómoda foi adoptada por
todos os escritores.

O contido da obra vai desde as orixes de Roma (lib. I) ata a saudación de Octavio como
Augustus e as honras fúnebres concedidas a Druso (lib. CXXXIV-CXLII), pasando polas
guerras púnicas (lib. XVI-XX; XXI-XXX: XLIX-LII), a guerra social e o conflicto entre
Mario e Sila (lib. LXXI-XC), conquista definitiva da Galia por César (lib. CIV-CVIII), etc.

Sobre as datas de composición e publicación destas partes , os informes son raros. O


esencial da cuestión é que a obra foi composta baixo o reinado de Augusto. Certas
alusións a sucesos contemporáneos do autor permiten pensar que o libro I e II-V foron
escritos antes do ano 29 e reeditados con modificacións entre o 27 e o 25. Ademais é
probable que Tito Livio agardase a morte de Augusto para publicar os libros posteriores a
CXX (acontecementos posteriores á morte de Cicerón). Os modernos dirixiron a súa
atención preferentemente aos libros I e V e a III década, partindo dos seus méritos
literarios e o seu carácter exemplar.

1.2. TITO LIVIO NO SEU TEMPO

O reinado de Augusto permitiu a Livio escribir nunha atmosfera favorable. Arredor del
desenvolveuse unha literatura un pouco oficial, pero era unha literatura libre, sinxela e
fervente. Neste sentido Livio é completamente augustal. Foi certamente amigo do
emperador (este parece que lle chamaba cariñosamente "pompeiano"), pero non parece que
frecuentase moito os medios oficiais. Non pertencía ao círculo de Mecenas e tampouco
parece que tivese relacións con Mesala e Asinio Polión.

Republicano declarado, era conservador, non só na política, senón tamén na literatura.


No seu Prefacio non oculta o seu interese profundo polos tempos antigos e o desgusto que
lle inspira a corrupción moderna. Ciceroniano en política, tamén o é en materia de gustos e
Departamento de
estilo. Aínda que non segue a Cicerón nas súas preferencias pola historia contemporánea e
monográfica, realizará o seu ideal de historia, oratorium opus maxime, e poñerá en
práctica a súa distinción entre verdade obxectiva e verdade poética.

1.3.TITO LIVIO COMO HISTORIADOR

Como historiador Livio insírese nunha longa tradición grega e romana. En Grecia,
despois de Herodoto e sobre todo de Tucídides (modelo de historiador "científico"), a
Historia se convertera cada vez máis nun xénero literario. No que a forma se refire, os
historiadores gregos dedicáronse polo xeral a tratar un tema limitado. Na época helenística
e romana conciben a Historia como universal, tendo en conta, claro está, o feito romano.
Ao termo desta evolución, Livio dedicase a traballar coa intención de "relatar de cabo a
rabo e desde as orixes da Cidade a historia do pobo romano" (Prefacio).

A elección da forma é igualmente significativa. Escribirá seguindo os métodos da


analística tradicional, é dicir, relatando os sucesos ano tras ano, mentres poida, e, se non
pode, aproximándose o máis posible a ese método. En canto ás fontes, case nunca recorreu
a documentos orixinais. Nunca saíu, parece ser, do seu estudio para consultar os arquivos
que na mesma Roma eran accesibles ao público. A súa única documentación baséase nos
escritores que o antecederon. Tito Livio é un escritor de segunda man. O seu método de
traballo é simple: segue a un autor principal, completándoo e corrixíndoo coa axuda de
fontes secundarias cando estas están en desacordo co primeiro ou dan datos descoñecidos
por este.

As dificultades con que se atopou foron considerables: contradicións a miúdo graves


dos seus modelos, incertezas ou desfasamentos cronolóxicos debidos a cómputos
diferentes dos historiadores gregos e latinos, por unha parte, e a conversión do calendario
grego a termos latinos, por outra. Ten outros defectos que non son menores: son
innumerables os episodios nos que a verdade é conscientemente falseada -- por
deformación ou por silencio -- no nome do patriotismo: no lib. I cala, por exemplo,
intencionadamente toda unha tradición que facía de Servio Tulio un xefe etrusco, para
conservarlle unha orixe latina.

Tito Livio escribe unha historia colectiva: son as res gestae populi Romani as que
forman a trama do seu relato e constitúen a súa xustificación. A Historia supón, entre
outras cousas, un conxunto de exempla. Cada gran período da Historia está para Tito
Livio dominado por algunhas figuras de primeiro plano das que nos deixou relatos
inesquecibles, tanto de romanos como de estranxeiros (Lib. V, Camilo; década III, Aníbal,
Quinto Fabio Máximo, Escipión o Africano).

Como historiador Livio non debe ser xulgado segundo as concepcións modernas da
Historia. Sen dúbida o seu espírito crítico, o seu método de documentación e de
exposición non está a cuberto de toda sospeita, mais niso non difire doutros historiadores
antigos. O seu gusto pola Antigüidade conservounos moitas tradicións que sen el se
perderían.

Departamento de
1.4. ASPECTOS LITERARIOS DO AB URBE CONDITA

Tito Livio compartía a concepción ciceroniana da Historia como opus oratorium


maxime. A composición establecía delicados problemas en razón do método analístico
empregado, que lle prohibía tratar os asuntos en monografías centradas nun só tema e o
obrigaban a dar, cando lle era posible, para cada ano a relación das eleccións, o nome dos
elixidos, os sorteos das provincias, prodixios, etc.

O método de traballo é simple. Segue una fonte principal que lle subministra a materia
nunha certa orde. Con eses datos constrúe o seu relato segundo as regras da exaedificatio
e da exornatio ciceronianas (De oratore, II,62): 1. respecto da orde cronolóxica; 2.
exposición topográfica; 3. exposición das intencións; 4. exposición dos sucesos mesmos,
os resultados e a análise das causas.

Os relatos illados teñen unha estrutura aristotélica: posúen un comezo, unha parte media
e unha final, de acordo cos desexos de Cicerón. Destaca nos tres elementos principais da
exornatio que son o relato, o discurso e o retrato:

1. RELATO: emprega métodos estandarizados para contar certos tipos de


episodios coa dobre intención de evitar a monotonía e minguar a súa insuficiencia
técnica.

2. DISCURSO: Livio é famoso polos seus discursos desde a Antigüidade. Sen


embargo, é necesario non limitar estas ás orationes escritas en estilo directo:
debemos tomar en consideración as que están escritas en estilo indirecto ou mixto,
con unha grande variedade de intencións, efectos, dimensións e de intervencións
persoais ou de aparente obxectividade. Asigna unha grande importancia a súa
redacción, na máis pura tradición da historiografía e retóricas gregas. Deste xeito é
normal que Livio compoña os seus discursos segundo as regras da retórica,
respectando a distinción dos tres xéneros: xudicial, demostrativo e deliberativo. A
maior parte dos seus discursos son deliberativos e están construídos segundo os
esquemas recomendados polos manuais de retórica.

3. RETRATO: non se atopan nel retratos completos, nin retrato moral continuo,
coa excepción de dous de enigmática razón: Papirio Cursor (IX) e Catón (XXXIX).
Renunciando aos retratos independentes, usa tres medios principais que non
sempre aplica xuntos e que tratan de suxerir máis que pintar: 1. transcribe os
xuízos dos contemporáneos; 2. mostra o efecto que produce sobre eles os actos
deses homes; 3. cita afirmacións pronunciadas por eles en determinada
circunstancia reveladora.

A lingua e o estilo de Livio foron obxecto de numerosos estudios. O noso autor fixo da
urbanitas o seu ideal lingüístico. Asinio Polión, sen embargo, reprocháballe a súa
patauinitas -- provincianismo de Padua --, da que non se sabe certamente en que
consistía. A lingua de Livio non é a lingua clásica de Cicerón ou César: os arcaísmos, as
frases e xiros poéticos, as desviacións sintácticas anuncian xa a lingua dos prosistas
imperiais. Os arcaísmos e as licencias poéticas son abundantes, sobre todo, na primeira
década, en particular, nos cinco primeiros libros. O seu estilo é o mesmo tempo
ciceroniano e moi persoal.
Departamento de
1.5. O PENSAMENTO DE TITO LIVIO

Tito Livio tiña a súa propia filosofía e ata a súa propia "política" da Historia. Como
Cicerón pensaba que o que mellor respondía ao temperamento romano eran os facta
exemplares polos que se encarnan na Historia os grandes valores morais e espirituais. Nin
racionalista escéptico nin místico integral, Livio permanece fiel á relixión romana
tradicional fronte á ola en ascenso das relixións greco-orientais. Recoñece o valor social da
relixión desde o primeiro libro, atribuíndo a Numa a afirmación da necesidade desta para
mandar ao pobo na disciplina e na orde.

As virtudes que Livio, xunto cos pensadores de finais da República e da súa época,
consideraba especificamente romanas son:

- concordia: Augusto acaba de establecela despois dun século de loitas intestinas.


- prudentia: consiste en prever todo e desterra a temeritas, a lixeireza no xuízo e nos
actos.
- clementia: para o adversario. É un concepto bastante novo, valorado na época de
Augusto e que Livio introduce abusivamente na historia romana ata o punto de facer del a
chave do éxito de Roma entre os vencidos.
- pudicitia: exalta ás mulleres que saben conterse sexualmente e condena a falta de
autodominio sexual nos violentos.
- uirtus: coraxe viril.
- frugalitas: simplicidade de vida.
- dignitas: sentido do rango.
- grauitas: seriedade, responsabilidade.

1.6. VALOR DA OBRA DE TITO LIVIO

Livio non é un historiador "científico". Non podemos consideralo, como Dante, unha
fonte segura: o seu moi escaso sentido crítico, a demasía da súa subxectividade e o seu
excesivo patriotismo impídennolo. De calquera xeito, poucos historiadores antigos o
fixeron mellor ca el e moitos bastante peor.

O seu principal mérito consiste en ter posto na práctica, cunha arte superior, a
concepción ciceroniana da historia, opus oratorium maxime. Tamén debemos destacar o
feito de que logrou encarnar nun pobo e nos seus representantes unha visión moral do
mundo conservadora, pero portadora dun ideal de liberdade, de uirtus, de concordia e de
grandeza.

2.CORNELIO TÁCITO

2.1. BIOGRAFÍA

As datas de nacemento e morte de Tácito son moi discutidas. Os problemas na biografía


de Tácito xorden, entre outras razóns, por que el mesmo da poucas noticias sobre a súa
vida. Naceu entre o 54 e o 57 d. C. O único dato certo é que o primeiro acontecemento
importante da súa vida tivo lugar baixo Nerón. Hai diversas hipóteses a cerca do seu lugar
de nacemento. A máis aceptada é a da procedencia gala. O cognomen de Tácito era moi
Departamento de
frecuente na Galia Cisalpina e na Narbonense.
Tivo como mestres a Marco Apro e Xulio Secundo, e tamén a Quintiliano. Foi amigo de
Plinio o Mozo. Comezou a súa carreira política con unha maxistratura subalterna -- o
vigintivirato --. Casou no 78 e o matrimonio supuxo para el un grande apoio, pois o seu
sogro era un ex-cónsul e fora nomeado gobernador de Britannia. Foi cuestor baixo
Vespasiano e con Tito chegou ao tribunado da plebe. Parece ser que acadou o consulado
na segunda metade do 97 e que foi procónsul da provincia de Asia con Traxano, cara o
112. O máis verosímil é que morrera transcorridos os primeiros anos de Adriano, 117
aproximadamente.

Os tempos que lle tocaron vivir a Tácito foron bastante movidos. Só Vespasiano co seu
bo facer e Domiciano co seu autoritarismo conseguiron unha situación estable. O fracaso
das institucións era evidente. Continúa a loita entre a clase senatorial e o Príncipe. Tácito
faise eco desta dualidade e terá que decidirse por un réxime imperial ao fracasar os tres
compoñentes fundamentais: democracia, oligarquía, monarquía. A parte destas causas
xerais, hai dous factores concretos que deixaron a súa influencia: 1. a súa actitude ante a
xestión de Tiberio e a de Domiciano, personaxes moi discutidos, que deixaron en Tácito
unha odiosa impresión e o marcaron; 2. a tradición cultural chegáralle a través de Horacio,
Virxilio e Propercio: para el aquela era unha Idade de Ouro literaria e de aí el infería que
tamén o fóra político-social.

Tácito, polo tanto, engánase. Segue coas súas ilusións sobre o antigo réxime. O que non
sabemos é se este antigo réxime hai que identificalo co de Augusto ou coa República, xa
que non parece ter moi boa opinión do primeiro.

2.2. HISTORIADOR

Segundo Paratore (Tacito, Roma, 1962) o fondo ideolóxico está na dualidade


fortuna/fatum. O fatum é algo inexplicable, pero non misterioso. Constitúe a auténtica
vontade do poder divino que regula a historia dos homes. O destino humano queda fixado
desde o nacemento. A fors dominaría, con espírito maligno, as vicisitudes humanas, a
veces baixo aspecto da ira divina. Hist. I,3 : " Os deuses non pensan na nosa seguridade,
senón na súa vinganza". En definitiva, a relixión xa non podía explotarse tan doadamente
como en épocas pasadas. Nunha pasaxe dos Anales propón que a Historia debe gabar a
virtude e condenar para sempre a inxustiza (An. III,65).

Desde o punto de vista literario Paratore compárao con Salustio e asegura que este
parécelle máis artista e Tácito máis historiador, os dous indagan nas causas, pero Tácito
mantén predilección por empregar argumentos da historia contemporánea, como
Tucídides. As súas análises psicolóxicas, a retorcedura das frases, os claroscuros, o seu
gusto pola antítese, son aspectos moi estudados por multitude de especialistas.

2.3. OBRA.

2.3.1. AGRICOLA

A Vida de Xulio Agrícola foi publicada tras a morte de Domiciano. Segundo o cap. III,
Nerva (96-98) aínda vivía, pois non se lle chama "divino", título reservado aos
Departamento de
emperadores mortos e Traxano (98-117) simplemente fóra adoptado por Nerva. De acordo
con isto podemos datar a obra entre outubro do 97 e xaneiro do 98, ano da morte de Nerva.
De calquera xeito esta cuestión non está fechada, pois no cap. XLIV chámase a Traxano
princeps, é dicir, emperador. Syme (Tacitus, Oxford, 1958) apunta a posibilidade de que
fose composta antes e se publicase despois.

Logo dun breve comezo de aire xustificativo (3 cap.), fala Tácito directamente do seu
sogro Agrícola: a súa orixe e educación; carreira militar e política; nomeamento como
gobernador de Britannia e descrición desta; as súas primeiras actuacións (7 campañas);
vicisitudes políticas posteriores; morte e eloxio fúnebre.

As opinións acerca do carácter e intención da obra non son nin moito menos unánimes e
van desde os que a consideran unha laudatio funebris real aos que pensan que é unha
laudatio destinada a lectura. Para outros sería unha obra de carácter político, xa que
aproveita a morte de Agrícola para meterse na reacción contra Domiciano.

2.3.2. GERMANIA

O título máis comunmente aceptado é o de De origine et situ Germanorum. Acerca da


data de composición os críticos coinciden en sinalar o ano 98: polo tanto, existirían só uns
cantos meses entre a aparición do Agrícola e da Germania.

Pénsase que as noticias contidas na Germania puidese habelas obtido Tácito de xeito
directo coa ocasión dunha posible permanencia na Galia Bélxica. Isto sería completado cos
relatos que escoitaría dos militares e mercadores. Entre as fontes escritas debemos destacar
a Plinio o Vello, tanto no relato das guerras xermánicas como nas noticias de tipo xeral
que figuran na súa Historia Natural.

Os estudosos da obra non están de acordo acerca do carácter e intención da mesma: 1.


un esbozo das Historias, ou mellor dito da obra histórica no seu conxunto; 2. un excurso
das Historias, a modo de apéndice dunha historia de Traxano; 3. unha obra independente
de carácter político, ou ben unha obra de salón ou un tratado étnico-xeográfico.

2.3.3. DIÁLOGO SOBRE OS ORADORES

É unha cuestión moi controvertida a paternidade do Diálogo. Diversas obras e grande


número de artigos de revista están a favor ou en contra da paternidade tacitea. Nesta
segunda alternativa as razóns que máis se aducen son as de estilo. Definitivo parece o feito
de que todos os códices dan a Tácito como autor, e este dato é tanto máis significativo
canto que era coñecido como historiador. A data de publicación máis aproximada parece
ser o ano 97. Sería polo tanto, contemporánea das outras dúas obras menores, aínda que
algo anterior por razóns de estilo.

Son os seus interlocutores: Materno, gran avogado, intenta dar outro rumbo á súa vida;
chegouse a dicir que el era o portavoz das ideas de Tácito. Mesala, hábil avogado no seu
tempo, defensor da antiga elocuencia, tamén reflectiría as ideas de Tácito. Marco Apro das
Galias, tamén lembra algo a Tácito. Xulio Secundo, discípulo do famoso orador Floro e
amigo de Quintiliano.

Departamento de
O asunto da obra parece remitirnos as seguintes ideas: cando non hai democracia real,
hai que encubrir tal situación con palabras; a oratoria aplícase, tamén, a outras formas de
literatura. Todo queda convertido en burocracia e institucións; a oratoria perde forza ao
non estar en contacto coa realidade.

2.3.4..HISTORIAS E ANAIS

As obras maiores que deron fama a Tácito son as Historias e os Anales. Se ben a súa
datación relativa non constitúe un problema, xa que os primeiros preceden aos segundos,
sempre se está en desacordo sobre as datas extremas dos Anales.

As Historias foron compostas entre 106 e 110 e a súa publicación puído efectuarse cara
a 109. Dos catorce libros das Historias que ían da crise do 68/69 á morte de Domiciano, só
se conservaron cinco (o libro V só ten 26 capítulos): a historia dos emperadores Galba,
Otón e Vitelio, a sublevación dos bátavos e o comezo da loita por Xerusalén.

Os Anales teñen problemas de datación. En 18 libros quere ser unha crónica total do
pobo romano. Narran desde o ano 44 Ab excessu diui Augusti a historia dos emperadores
ata o ano 68, ano da morte de Nerón. Parece que estivo ocupado escribindo e refacendo os
Anales cara a 120.

3. SUETONIO.

* Caio Suetonio Tranquilo, nado no 75 aproximadamente e morto entre o 140 e 160.


* Obra: case totalmente perdida, foi considerable. Ademais dos Doce Césares
(aparecidos en 120-121) e o De uiris illustribus (aparecido no 113), escribiu biografías (De
regibus) e obras de "anticuario arqueolóxico ou institucional" (De institutione officiorum,
De anno Romanorum, Historia Ludicia, etc..). Desta produción só se nos conserva os
Doce Césares (De uita XII Caesarum libri VIII), o De Grammaticis et Rhetoricis e unha
Vida de Terencio.

IV. A HISTORIOGRAFÍA NO BAIXO IMPERIO.

1. Amiano Marcelino.

* Nado en Antioquía no 330. Debeu morrer polo 391 aproximadamente.


* Obra: Rerum gestarum libri, desde a chegada de Nerva (96) ata a morte de Valente
(378). Son 31 libros, dos que se perderon do I ao XIII.

2. A Historia Augusta.

* O título orixinal debía ser Vitae Caesarum. En número dunhas trinta


aproximadamente, estas Vidas inclúen aos emperadores dos séculos II-III, desde Adriano
(117-138) ata Numeriano (283-284). Esta recompilación trata sobre os Augusti, Caesares
e os Tyranni ("usurpadores").
* A tradición atribúe ás biografías a diferentes autores contemporáneos de Diocleciano
(284-305) e Constantino (306-337).
* Desde fai tempo hai tendencia a considerar a Historia Augusta como un monumento
de falsificacións (autores, cronoloxía, etc..).
Departamento de