CARTA DO DIRECTOR DE GALICIA HOXE

Prezados amigos, Galicia Hoxe sae mañá, día 28 de xuño, por derradeira vez. Pechamos asfixiados pola conxuntura económica -con perdas insostibles e perigosas para a saúde do resto do Grupo Correo Gallego-, pero, sobre todo, pechamos polo indecente castigo institucional a todo canto 'cheire' a galego, concretado nun brutal recorte de máis do 50% nas subvencións que o GH recibía da Xunta, tanto con Fraga como co bipartito. Non podemos aguantar un día máis e dicimos adeus no aniversario da aprobación do Estatuto do 36 e no da volta dos restos de Castelao. Querémosvos agradecer o voso apoio nestes 2.943 números dunha aventura singular e fermosa, oxalá que non irrepetible. Sabemos que non conectamos como deberiamos coa nosa sociedade civil e que tampouco sentimos a súa calor -pero non é este o momento de criticar nin de facer autocrítica, que tempo teremos-, e sabemos, tamén, que os vosos artigos e as vosas entrevistas foron importantes, imprescindibles, para construír un periódico plural, comprometido co seu país e aberto ao mundo. Seguiremos vivos na rede co GH dixital e confiamos en atopar o xeito de poder contar co voso talento para manter en pé o piar básico de Galicia: o galego, unha lingua de concordia para un país libre e tolerante. Grazas, de corazón, e forza. Boas noites e boa sorte. Caetano Díaz

Sign up to vote on this title
UsefulNot useful