Conquistar o dereito á cidade*.

Antón Gómez-Reino Varela, (tone) e Xiao Varela Gómez, Rede de Dereitos Sociais. (rede.blogaliza.org)

"Hai outros mundos..., pero están neste" Paul Éluard A situación socioeconómica actual, co estoupido da burbulla inmobiliaria e financeira como actor principal e a polarización social como telón de fondo, evidencia a necesidade dun cambio total de paradigma sistémico. No que atinxe á organización social e espacial do ecosistema urbano, a proliferación de inxustizas sociais –con manifestacións espaciais- que sufrimos nas nosas cidades, demostra que non ten sentido o modelo de evolución urbana sostido ate o momento no planeta en xeral, e no país en particular. Un modelo de crecemento desmesurado baseado na especulación do solo e na inflación inmobiliaria, que permite que os responsables da planificación do hábitat humano actúen como meros xestores do territorio e axentes de mercado. En suma, e asumindo o urbanismo como metáfora da ideoloxía dominante, un modelo que afonda na situación de crise medio-ambiental, económica e social: destrución do patrimonio (natural e construído), deseño de novos planeamentos especulativos e segregación urbana como elementos na vangarda. De modo contrario, cremos que unha alternativa para a mellora da calidade de vida nas nosas cidades pasa pola detección de oportunidades para a redistribución da renda pública e a posta en común do patrimonio (social, arquitectónico, cultural ou natural) existente, isto é unha forma social de rexeneración urbana. É neste punto onde toman sentido as palabras de Ramón Fernández Durán “existe a necesidade de frear e reverter o proceso incontrolado de urbanización planetaria. Destrución global versus rexeneración local”. Comprendemos a rexeneración urbana como unha alternativa social de intervención integral, contraposta á fría e cirúrxica rehabilitación. Unha rexeneración colaborativa e comunitaria que foxe do paradigma da plusvalía, que non concentra os seus obxectivos en elementos urbanos de valor de mercado, senón en reforzar e articular ecosistemas sociais consolidados sobre o territorio. Unha alternativa popular que entendemos como un proceso experimental, no que deben despregarse alianzas de suxeitos sociais activos (asociacións veciñais, tecido asociativo político-social,..) que saiban presionar e xogar, cando menos nun plano de horizontalidade con diversos axentes (públicos e privados), para transformar desde abaixo a complexidade dos tecidos urbanos. Falamos dunha rexeneración que deserte das asimétricas transformacións sociais e económicas da rehabilitación (especulación e xentrificación) e que lonxe de desactivar o conflito social ou desprazalo á periferia, potencie a reactivación de mecanismos comunitarios de decisión, amplíe as canles para a xestión social do hábitat e active, fronte ás ilusións e capturas da política representativa, resortes de solidariedade e autonomía na sociedade. Toda rexeneración consecuente debe operar nun plano dende o que pensar a cidade de forma decrecementalista, tratando de establecer unha nova e equilibrada relación entre o ser humano e o seu entorno. A este respecto, pensamos que é preciso revisar a consideración socio-política do habitar nunha lóxica ecosófica, en palabras de Félix Guattari “non podemos pretender recompoñer unha terra humanamente habitable sen reformular as finalidades económicas e produtivas, os planes urbanísticos e as prácticas sociais, culturais, artísticas e mentais. [...] unha concatenación da ecoloxía ambiental, da científica, da económica, da urbana, e das ecoloxías sociais e mentais”. Con todo, é fundamental enfrontar as dinámicas que dificultan a posibilidade de repensar a transformación da cidade en clave de defensa do ben común.

No ámbito xeral, estamos a vivir unha dramática tentativa de privatización do espazo público, amparada na limitación dos usos colectivos e acompañada de micropolíticas securitarias (normativas cívicas,..). Parece preciso facer unha defensa da cidade popular e diversa, da cidade non regulada lembrando que, a heteroxeneidade na composición da metrópole é un dos grandes valores na análise da súa riqueza. Pero que hai dos novos protagonismos sociais e experiencias de autoorganización que conforman a cidade? Lonxe de estar nun momento de ofensiva, os sectores que conformamos o mapa dos antagonismos sociais atopámonos nun impas marcado pola atomización e falta de capacidade para camiñar desde a protesta ao contrapoder. Pola contra, novos dispositivos institucionais atravesan as nosas cidades buscando reconstruír un poder político erosionado pola perda de lexitimidade da democracia representativa. Dispositivos e institucións que buscan desesperadamente reducir os conflitos que emerxen nas cidades precarizadas. Da súa capacidade para comprender o conflito como regulador das sinerxías na cidade depende que manteñan certas cotas de popularidade. Entendemos a cidade como un ente complexo, formado de relacións desexos, e contradicións tanto como de materia construída; polo tanto pensamos que non é posible nin desexable tentar controlar ou delimitar as súas dinámicas. Pensamos pois, que lonxe da búsqueda da asepsia, o control e a seguridade forzada, é necesario indagar en mecanismos que permitan xerar novos equilibrios entre institucións e habitantes, sempre tratando de desprazar o polo de decisión no favor de novas hexemonías sociais a esquerda baseadas en experimentos de soberanía barrial. Iniciativas nas que comprendamos a diversidade da cidade contemporánea, atravesando ensaios de urbanismo popular e planeamento partillado que favorezan o enriquecemento mutuo en moitos dos casos, e a mera convivencia da diferencia noutros. Pero, a que nos referimos pois con Dereito a Cidade? Existe, no marco normativo unha Carta Mundial polo Dereito a Cidade lanzada por Habitat International Coalition (HIC). Un documento recollido sobre tres eixos: exercicio pleno da cidadanía, xestión democrática da urbe e función social da propiedade e da cidade. Con todo, debemos camiñar máis lonxe e afastarnos da retórica. A nosa crítica ás estruturas de gobernabilidade nas cidades galegas é de forma, pero é tamén de fondo. Desde os movementos sociais temos que ser quen de encetar un conflito dialéctico radical: confrontar a realidade dun sistema de libre mercado que descansa na propiedade privada e na posesión monopolista do solo urbano e que trae parellas as enormes contradicións que residen na concepción capitalista dos dereitos. É preciso situar o Dereito á Cidade lonxe do paradigma de asimilación sistémica. Como nos lembraba David Harvey, “o dereito a cidade non é simplemente o dereito de acceso ao que xa existe, senón o dereito a transformalo a partir dos nosos desexos máis profundos”. Entender o dereito a cidade na súa plenitude como unha busca necesaria por e para unha sociedade igualitaria. *Henri Lefebvre (1901-1991) Sociólogo e filósofo francés, publicou o seu libro Le Droit à la ville no ano 1968.

Sign up to vote on this title
UsefulNot useful