Acta-resumo da presentación do libro

:

‘Desexo de cidade: arquitecturas revolucionarias’
Introdución Juan Freire
O libro que nos propón Cristina García-Rosales pretende achegarnos outras formas de construí-la cidade. Son procesos que cada día acadan unha maior relevancia, e que porén, non son recollidos nos medios de comunicación tradicionais, de aí a importancia de facelos visibles. Estamos a falar de iniciativas levadas a cabo por colectivos diversos que teñen como obxectivo a incidencia sobre a cidade dende distintas perspectivas, traballando na colaboración, na participación e na posta en marcha de mecanismos variados de actuación. É salientable o peso que en todos estes proxectos ten a tecnoloxía dixital, mais non só coma unha ferramenta de traballo ou difusión, senón coma unha filosofía (código aberto, web 2.0, etc).

Presentación do libro Cristina García-Rosales
Existe a necesidade de novas formas de entender e facer arquitectura. A arquitectura de hoxe en día debe tomar camiños diferentes ós que estamos acostumados, incorporando novos referentes, dando resposta a outras cuestións. Precisamos dunha arquitectura máis comprometida e crítica, afastada das lóxicas da imaxe e o espectáculo. Deste xeito, o libro recibe o subtítulo de arquitecturas revolucionarias, xa que os proxectos recollidos nel buscan romper as inercias habituais e apostar por outras dinámicas de pensar e construí-la cidade. Os colectivos dos que parten as iniciativas son moi heteroxéneos entre si. Nalgúns casos os seus integrantes son arquitectos mais noutros non. Aínda así, pódense sinalar unha serie de características comúns a todos estes grupos, coma por exemplo:       traballan dende a independencia e a autoxestión; constitúen movementos sociais cunha actitude política (igualdade, pacifismo, xénero, sostenibilidade, etc.); todos parten dunha análise crítica da cidade; desenvolven a súa labor a pé de rúa (a lo menos nalgunha das etapas), traballando cos veciños; dispoñen de poucos medios, polo que as súas intervencións son de baixo custo; internet é un medio fundamental na súa labor.

O libro recolle dezaoito destas iniciativas, repartidas por toda a xeografía estatal.

Debate
O debate pretende xirar entorno á construción comunitaria da cidade, indagando nas ferramentas dispoñibles, cuestionando as limitacións destes procesos e intentando facer explícitas as súas virtudes. Participan nel os poñentes Juan Freire, Cristina García-Rosales e Fernando Cabal (Mandala ediciones) e o público asistente. A moderación corre a cargo membros da Rede de Dereitos Sociais. Por mor das dinámicas inherentes a este tipo de coloquios, onde as reflexións non sempre xorden dun xeito ordenado, óptase por agrupar as opinións atendendo a temáticas clave, e non seguindo unha estrutura temporal.

* Ábrese o debate coa cuestión de cal debería ser a relación entre os distintos axentes que participan na construción da cidade (administración, mercado, técnicos, cidadanía), valorando se é posible traballar dende a independencia ou pola contra a cooperación é inevitable. Os puntos de vista son dispares:   O “músculo social” é o único imprescindible nestes procesos. A casuística de relacións posibles é ampla, non sendo sempre evidente que interese máis a independencia respecto da administración, xa que existen iniciativas nas que o resultado da colaboración con ela foron moi positivos. Ademais, habería que distinguir dentro de estes proxectos aqueles cunha vontade de transformación auténtica, pois algúns son elitistas. A negociación non ten sentido, pois é un instrumento que a propia administración adopta para nos atontar, e ademais non se pode negociar sobre o que xa é noso. A única vía é o enfrontamento (loita contra o neofascismo) e a independencia. O debate non debe ser tanto negociación vs independencia, xa que podería ter lugar un bo proceso de negociación a partir dunha posición de forza clara por parte da cidadanía. Hai cabida para distintos modelos de traballo, xa que o importante son os pequenos aportes parciais e relativos de cada proxecto.

 

* Outra das cuestións esbozadas foi a que intentou buscar mecanismos para a construción independente:         A administración non pode mante-lo control absoluto sobre a cidade e sobre os recursos que manexa. Polo tanto, quedan intersticios onde é posible actuar. A educación é clave para acadar a implicación da cidadanía. É importante que a xente teña claras as posibilidades de actuación para que se implique nestes procesos: identificar os axentes, desentrañar a realidade. A xente ten que tomar conciencia, espertar e romper coa manipulación á que é sometida pola enxeñería social imperante. É necesario que a xente teña coñecemento da realidade que lle rodea, das problemáticas existentes; a importancia da información adecuada. Temos que valorar cada proceso, a diversidade de liñas de acción, a oportunidade que supón cada una delas, experimentar, investigar. A secuencia de traballo que funciona é investigación-acción-comunicación. Sen unha reflexión previa que permita definir uns obxectivos a acadar, sen unha actitude política clara, sen un verdadeiro discurso progresista que aposte polo cambio social dende o rexeitamento frontal do sistema capitalista, moitos destes procesos non van ter ningún calado, converténdose nun actuar por actuar, nun mecanismo de autocompracencia.

Conclusións:
 Multiplicidade de modelos de relación/conflito entre axentes sociais e públicos.  Importancia dos aportes parciais de cada proceso no avance para unha construción colectiva da cidade  Importancia da toma de conciencia pola cidadanía de cara a súa implicación, e neste sentido da visibilización das problemáticas existentes e das liñas de actuación posibles.  Necesidade de corpo social activo capaz de xerar conflicto fronte as institucións e os mecanismos de poder públicos.  Desafecto pola política representativa e conciencia colectiva da necesidade de construción de propostas autónomas de carácter realmente público desde abaixo.