Está en la página 1de 2

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas


escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de
Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,
segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para
cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos
manifestar o seguinte:
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta
circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das
persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen
destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa
existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero
compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible
compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que
cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende
hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de
moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade
de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a
nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos
proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de
estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión
da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas
escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan
“roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre
mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo
que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con
criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de
colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa
ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes
fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas
familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola
Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado.
A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa
fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir
mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces.
Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes
e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os
numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo
Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a
formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e
enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación
Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos
para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre
outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais
propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que
axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses
materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan
ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das
bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos
centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e
excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación
desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir
honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as
estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o
esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso
Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos
encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados
polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo?
Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda
todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas
comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a
que nos invisibiliza?.

También podría gustarte