Está en la página 1de 2

Conquistar o dereito á cidade*.

Antón Gómez-Reino Varela, (tone) e Xiao Varela Gómez, Rede de Dereitos Sociais. (rede.blogaliza.org)

"Hai outros mundos..., pero están neste" Paul Éluard

A situación socioeconómica actual, co estoupido da burbulla inmobiliaria e financeira


como actor principal e a polarización social como telón de fondo, evidencia a
necesidade dun cambio total de paradigma sistémico. No que atinxe á organización
social e espacial do ecosistema urbano, a proliferación de inxustizas sociais –con
manifestacións espaciais- que sufrimos nas nosas cidades, demostra que non ten sentido
o modelo de evolución urbana sostido ate o momento no planeta en xeral, e no país en
particular. Un modelo de crecemento desmesurado baseado na especulación do solo e
na inflación inmobiliaria, que permite que os responsables da planificación do hábitat
humano actúen como meros xestores do territorio e axentes de mercado. En suma, e
asumindo o urbanismo como metáfora da ideoloxía dominante, un modelo que afonda
na situación de crise medio-ambiental, económica e social: destrución do patrimonio
(natural e construído), deseño de novos planeamentos especulativos e segregación
urbana como elementos na vangarda.

De modo contrario, cremos que unha alternativa para a mellora da calidade de vida nas
nosas cidades pasa pola detección de oportunidades para a redistribución da renda
pública e a posta en común do patrimonio (social, arquitectónico, cultural ou natural)
existente, isto é unha forma social de rexeneración urbana. É neste punto onde toman
sentido as palabras de Ramón Fernández Durán “existe a necesidade de frear e reverter
o proceso incontrolado de urbanización planetaria. Destrución global versus
rexeneración local”.
Comprendemos a rexeneración urbana como unha alternativa social de intervención
integral, contraposta á fría e cirúrxica rehabilitación. Unha rexeneración colaborativa e
comunitaria que foxe do paradigma da plusvalía, que non concentra os seus obxectivos
en elementos urbanos de valor de mercado, senón en reforzar e articular ecosistemas
sociais consolidados sobre o territorio. Unha alternativa popular que entendemos como
un proceso experimental, no que deben despregarse alianzas de suxeitos sociais activos
(asociacións veciñais, tecido asociativo político-social,..) que saiban presionar e xogar,
cando menos nun plano de horizontalidade con diversos axentes (públicos e privados),
para transformar desde abaixo a complexidade dos tecidos urbanos.
Falamos dunha rexeneración que deserte das asimétricas transformacións sociais e
económicas da rehabilitación (especulación e xentrificación) e que lonxe de desactivar
o conflito social ou desprazalo á periferia, potencie a reactivación de mecanismos
comunitarios de decisión, amplíe as canles para a xestión social do hábitat e active,
fronte ás ilusións e capturas da política representativa, resortes de solidariedade e
autonomía na sociedade.
Toda rexeneración consecuente debe operar nun plano dende o que pensar a cidade de
forma decrecementalista, tratando de establecer unha nova e equilibrada relación entre
o ser humano e o seu entorno. A este respecto, pensamos que é preciso revisar a
consideración socio-política do habitar nunha lóxica ecosófica, en palabras de Félix
Guattari “non podemos pretender recompoñer unha terra humanamente habitable sen
reformular as finalidades económicas e produtivas, os planes urbanísticos e as prácticas
sociais, culturais, artísticas e mentais. [...] unha concatenación da ecoloxía ambiental,
da científica, da económica, da urbana, e das ecoloxías sociais e mentais”.

Con todo, é fundamental enfrontar as dinámicas que dificultan a posibilidade de


repensar a transformación da cidade en clave de defensa do ben común.
No ámbito xeral, estamos a vivir unha dramática tentativa de privatización do espazo
público, amparada na limitación dos usos colectivos e acompañada de micropolíticas
securitarias (normativas cívicas,..). Parece preciso facer unha defensa da cidade popular
e diversa, da cidade non regulada lembrando que, a heteroxeneidade na composición da
metrópole é un dos grandes valores na análise da súa riqueza.

Pero que hai dos novos protagonismos sociais e experiencias de autoorganización que
conforman a cidade? Lonxe de estar nun momento de ofensiva, os sectores que
conformamos o mapa dos antagonismos sociais atopámonos nun impas marcado pola
atomización e falta de capacidade para camiñar desde a protesta ao contrapoder.
Pola contra, novos dispositivos institucionais atravesan as nosas cidades buscando
reconstruír un poder político erosionado pola perda de lexitimidade da democracia
representativa. Dispositivos e institucións que buscan desesperadamente reducir os
conflitos que emerxen nas cidades precarizadas. Da súa capacidade para comprender o
conflito como regulador das sinerxías na cidade depende que manteñan certas cotas de
popularidade. Entendemos a cidade como un ente complexo, formado de relacións
desexos, e contradicións tanto como de materia construída; polo tanto pensamos que
non é posible nin desexable tentar controlar ou delimitar as súas dinámicas.
Pensamos pois, que lonxe da búsqueda da asepsia, o control e a seguridade forzada, é
necesario indagar en mecanismos que permitan xerar novos equilibrios entre
institucións e habitantes, sempre tratando de desprazar o polo de decisión no favor de
novas hexemonías sociais a esquerda baseadas en experimentos de soberanía barrial.
Iniciativas nas que comprendamos a diversidade da cidade contemporánea, atravesando
ensaios de urbanismo popular e planeamento partillado que favorezan o
enriquecemento mutuo en moitos dos casos, e a mera convivencia da diferencia
noutros.

Pero, a que nos referimos pois con Dereito a Cidade?


Existe, no marco normativo unha Carta Mundial polo Dereito a Cidade lanzada por
Habitat International Coalition (HIC). Un documento recollido sobre tres eixos:
exercicio pleno da cidadanía, xestión democrática da urbe e función social da
propiedade e da cidade.

Con todo, debemos camiñar máis lonxe e afastarnos da retórica. A nosa crítica ás
estruturas de gobernabilidade nas cidades galegas é de forma, pero é tamén de fondo.
Desde os movementos sociais temos que ser quen de encetar un conflito dialéctico
radical: confrontar a realidade dun sistema de libre mercado que descansa na
propiedade privada e na posesión monopolista do solo urbano e que trae parellas as
enormes contradicións que residen na concepción capitalista dos dereitos.

É preciso situar o Dereito á Cidade lonxe do paradigma de asimilación sistémica. Como


nos lembraba David Harvey, “o dereito a cidade non é simplemente o dereito de acceso
ao que xa existe, senón o dereito a transformalo a partir dos nosos desexos máis
profundos”. Entender o dereito a cidade na súa plenitude como unha busca necesaria
por e para unha sociedade igualitaria.

*Henri Lefebvre (1901-1991) Sociólogo e filósofo francés, publicou o seu libro Le


Droit à la ville no ano 1968.

También podría gustarte